A Xunta pon en marcha o programa Impulsa - Ourense co obxectivo de incentivar os investimentos produtivos, fomentar a actividade empresarial, e crear emprego e a converxencia da provincia.Este Programa apóiase no Plan estratéxico Ourense 2010, un instrumento elaborado no ano 2001 polo Inorde co consenso dos axentes económicos e sociais da provincia e que agora será actualizadoO IMPULSA- OURENSE terá un período de vixencia de 6 anos, será xestionado polo IGAPE, que abrirá na Delegación Territorial unha Oficina de xestión, e contará coa participación de todos os actores implicados: Administración, patronal e sindicatos
Ata a actualización do Programa, poñeranse en marcha medidas transitorias de apoio ao investimento das que poderán beneficiarse todos os sectores econômicos da provincia de Ourense: axudas directas para proxectos de investimento, préstamos subvencionados, e préstamos do Banco Europeo de Investimentos
O Programa IMPULSA- OURENSE é complementario ao resto de medidas que está a adoptar a Xunta de Galicia, como o Plan de choque, o Plan Re-móvete, as medidas para fomentar os avais, ou o Plan MOVE
A Xunta de Galicia porá en marcha o Programa IMPULSA- Ourense co obxectivo de incentivar os investimentos produtivos e fomentar as actividades empresariais, creando emprego co obxecto de acadar a igualdade de oportunidades e a cohesión territorial de Galicia. O Programa IMPULSA- OURENSE conta coa participación conxunta de todos os actores implicados: administracións, patronal e sindicatos.
Este Programa apóiase no Plan estratéxico Ourense 2010, un instrumento de identificación dos grandes problemas e alternativas da provincia elaborado no ano 2001, que foi consensuado cos axentes económicos e sociais da provincia, e que está liderado pola Deputación de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE). Este Plan foi deseñado coa participación de varios grupos de traballo sectoriais e reuniu máis de 800 propostas diferentes.
O consenso permitiu determinar os temas prioritarios e seleccionar 16 proxectos dinamizadores.A Xunta de Galicia financiará a actualización deste Plan estratéxico, que se executará con base os eixes estratéxicos que xa contiña o documento de 2001: capitalización humana, competitividade e desenvolvemento empresarial, optimización dos recursos naturais, centralidade na Eurorrexión galaico- portuguesa, e cohesión intraprovincial e articulación territorial.
O horizonte temporal do Programa IMPULSA- Ourense será de 6 anos, ata 2015.O desenvolvemento deste Plan será xestionado polo IGAPE a través dunha oficina de xestión, que estará situada na Delegación Territorial. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda encargarase de realizar un seguimento da aplicación do Plan IMPULSA- Ourense, para avaliar o impacto das medidas postas en marcha.
Ademais, e para favorecer desde un primeiro momento o investimento privado, poñeranse en marcha unha serie de medidas de apoio ao investimento. Os investimentos que se apoiarán durante este período transitorio afectarán o conxunto de sectores económicos e municipios da provincia de Ourense, á espera súa actualización e a determinación das novas prioridades e as correspondentes medidas.
Actuacións incluídas no ProgramaO programa inclúe, ademais da actualización do Plan estratéxico, a posta en marcha de axudas específicas, e de medidas transitorias de apoio ao investimento que se aplicarán ao conxunto de sectores económicos e municipios da provincia de Ourense.
O Plan estratéxico será actualizado a partir dun concurso público que convocará a Xunta de Galicia, a través do IGAPE. Este Plan estratéxico incluirá os sectores económicos e áreas territoriais para potenciar; concreción de obxectivos e medidas específicas; establecemento de prioridades estratéxicas; deseño dun plan de avaliación e os correspondentes indicadores de seguimento; plan de comunicación e divulgación; e unha folla de ruta para o desenvolvemento do Programa IMPULSAOurense.
A actualización do plan estratéxico xa existente servirá para dar continuidade e seguimento ás actuacións xa previstas. Neste sentido, o delegado de Ourense celebrará reunións cos alcaldes, cos representantes institucionais das distintas comarcas e cos axentes económicos e sociais da provincia, coa finalidade de que os principais implicados no desenvolvemento do plan estratéxico de 2001 poidan facer unha avaliación e proporcionar datos relativos ao estado de situación.
Ademais do papel do IGAPE, a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda encargarase de realizar un seguimento da aplicación do Programa. Ambos os departamentos coordinarán accións de comunicación, formación e asistencia técnica para a presentación e xestión de proxectos, especialmente dos que supoñan a contribución de fondos europeos, ademais de realizar propostas para a mellora do Programa segundo se vaia desenvolvendo.
O Programa IMPULSA-OURENSE inclúe, tamén, a constitución dun Comité de seguimento co obxectivo de dispoñer dun mecanismo de coordinación coas diferentes administracións e axentes económicos e sociais; un comité que ten como obxectivo a implicación de todas as administracións e axentes económicos e sociais, e que estará presidido polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e no que participarán ademais o director xeral do IGAPE, o director xeral de Planificación e Fondos, o delegado territorial de Ourense, o presidente da Deputación provincial de Ourense, representantes dos sindicatos, da Confederación de empresarios de Ourense, da Cámara de Comercio, e un responsable da oficina de xestión.
Iniciaranse, ademais, os contactos co alcalde de Ourense e co subdelegado do Goberno para que se poidan implicar no desenvolvemento do Plan IMPULSAOurense, e polo tanto no Comité de seguimento, xuntando os esforzos das diferentes administracións. As reunións do Comité celebraranse con caracter cuadrimestral.
Medidas transitorias de apoio ao investimentoAs medidas transitorias que estarán en vigor ata a posta en marcha do Plan estratéxico inclúen axudas directas e préstamos subvencionados. No caso das axudas directas, o importe mínimo do investimento para poder acollerse a estas medidas rebaixarase a 200.000 euros desde os 500.000 vixentes; nos proxectos de primeira implantación garantirase un mínimo de subvención do 20%; e elevarase o límite máximo actual de subvención do 30 ao 50% para investimentos realizados por pequenas empresas, e ao 40% para medianas empresas.
En canto aos préstamos subvencionados, o IGAPE concederá, a través dos convenios asinados co ICO, e as entidades de garantía recíproca en que se establece unha relación de actividades subvencionable, unha subsidiación de 0,65 puntos con carácter xeral, aos que se engadirán 2 puntos máis aos proxectos impulsados na provincia de Ourense (0,85%).
Finalmente, realizarase unha subsidiación temporal do financiamento outorgado pólo BEI para facer efectivo un tipo de xuro do 0%. Ademais, durante o período de aplicación destas medidas reservaranse 12,5 millóns de euros para proxectos en Ourense.
Plan complementario a outros programasO Plan IMPULSA- Ourense é complementario ao resto de medidas que está a adoptar a Xunta de Galicia nos diferentes ámbitos de actuación, como o Plan de choque, o Plan Re-móvete ou as medidas para fomentar os avais.
No ámbito das infraestruturas, de forma particular, o Plan IMPULSA- Ourense terá en conta as actuacións que estaban recollidas no Plan estratéxico de 2001. Teranse en conta os proxectos incluídos dentro do Plan MOVE.
Coa finalidade de dar a coñecer o contido do Plan e obter así un maior impacto, o IGAPE levará a cabo diferentes actuacións: publicidade na web do IGAPE e nos medios dispoñibles por parte das institucións participantes no Comité de seguimento; edición dun folleto para dar maior visibilidade ao Plan; e publicación dun boletín informativo de carácter cuadrimestral, que se poñerán á disposición de todos os cidadáns interesados no eido comarcal e municipal.
Realidade económica e social da provincia de Ourense No informe sobre o Programa IMPULSA- Ourense coñecido hoxe polo Consello da Xunta, inclúense unha serie de indicadores económicos que avalan a posta en marcha deste Programa.
A taxa de crecemento anual da poboación en España é do 2,12%, en tanto que para Galicia acada o 0,42% e para Ourense o -0,25%; mentres que o índice de envellecemento (poboación maior de 64 anos/ poboación menor de 20) é para Galicia do 136,7% e para Ourense, do 209,8%. Ademais, e en termos de renda, o ingreso medio por fogar para España acada os 2.044 euros, descendendo a media a 1.923 euros en Galicia, e a 1.581 en Ourense.
Se se analiza o total de empresas que teñen a súa sede social en Galicia (205.906), o 11,65% destas empresas encóntranse en Ourense, o 12,32% en Lugo, o 34,21% en Pontevedra, e o 41,82% na Coruña.