A Xunta "reorientará" un total de 1.224 millóns de euros das contas aprobadas polo bipartito, un 11 por cento do orzamento autonómico, co obxectivo de "dinamizar" a economía galega e "abrir o camiño" para superar a crise. Así o confirmou o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, quen avanzou, ademais, que esta "reordenación" de créditos beneficiará a 44.000 persoas desempregadas galegas e inducirá a creación de 20.000 novos postos de traballo.
O máximo mandatario galego explicou que este será o importe co que estará dotado o comprometido plan de choque contra a crise. Marta Fernández Currás, presentou ao conxunto do Goberno galego e cuxo contido pora a disposición dos sindicatos e da patronal galega.
En concreto, este plan inclúe 40 medidas de dinamización económica ao redor de catro liñas de actuación, que son o fomento de emprego, a promoción da produtividade e do tecido industrial, o apoio ás familias e outras medidas sociais e operacións de financiamento para "mellorar" a liquidez das empresas.
Consciente de que a reorientación destes 1.224 millóns non van solucionar" a crise económica, Feijóo garantiu que será unha boa ferramenta" para "loitar" contra as dificultades económicas que vive a comunidade. "Supón a reordenación do 11 por certo do orzamento", insistiu e contrapuxo esta porcentaxe co Plan E do Goberno central, cunha "reorientación" de créditos do 2 por cento.
Segundo explicou Feijóo, este plan de choque inclúe os 144 millóns de euros "aforrados" grazas ao "plan de austeridade" aprobado polo Goberno galego e "materializa" o compromiso do novo Executivo coa "reactivación" da economía, cos traballadores e traballadoras e, "en xeral", con todos os sectores produtivos de Galicia.
En concreto, o Goberno galego reservará 178 millóns de euros para o fomento do emprego. Deles, 90,1 millóns servirán para a contratación das persoas traballadoras que esgoten a súa prestación polo emprego e 57,1 millóns destinarase a promover o emprego entre as persoas que finalicen estas prestacións a través doutras iniciativas.
Así mesmo, a Xunta investirá 24,4 destes 178 millóns de euros en plans de formación e "outras axudas" ás traballadoras e traballadores. Para rematar, 6,3 millóns de euros aplicaranse á posta en marcha de plans de recolocación das persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación de emprego (ERE).
En canto ao fomento da produtividade, habilitaranse 938 millóns de euros, dos que a súa maior parte -644- investiranse en infraestruturas, mentres que 113,5 destinaranse a medidas de dinamización do medio rural; 8,25 para o fomento da competitividade e outros 172 millóns, a diversas actuacións de fomento industrial.
Respecto das medidas sociais e de apoio ás familias, haberá uns 35 millóns de euros. Este importe distribuirase entre recursos adicionais para pagos do persoal coidador no marco da Lei de Dependencia (27,7 millóns), redución do 50 por cento dos impostos na compra dunha vivenda para mozas e familias numerosas (7 millóns) e na axuda das persoas desempregados para facilitar a súa mobilidade xeográfica (0,7 millóns).
A estas medidas súmase a "modificación" dos requisitos para "aprazar" e "fraccionar" o pago de débedas de ingresos de dereito público coa comunidade así como a "racionalización" do parque móbil da Xunta, segundo Feijóo.
En operacións de financiamento e avais, está previsto mobilizar un total de 72 millóns de euros para achegar liquidez ás empresas solventes e compensar a actual "restrición crediticia" por motivos da crise financeira, con especial atención ás pequenas e medianas empresas (pemes).
Deste xeito, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) impulsará un programa de apoio aos investimentos no sector da automoción dotado con 60 millóns de euros, ademais de liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pemes por un importe de 7,6 millóns de euros.
Neste punto, inclúense outros 2 millóns para un fondo de capital risco para a promoción do cooperativismo; 1,7 millóns para o programa 're-Imaxina' de apoio ao investimento das pemes e microempresas así como 1 millón de euros para unha liña específica de axudas ás persoas comerciantes.
Na súa intervención, Feijóo insistiu en que este paquete de medidas que porá en marcha a Xunta grazas á reorientación do 11 por cento do seu orzamento "compensará" os efectos da crise nas familias nas empresas galegas, pero non precisou que proxectos quedarán sen financiamento ao reordenar 1.224 millóns de euros.