- A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, destaca a importancia de que as persoas poidan contar cunha acreditación oficial e con validez nacional para facilitar a inserción laboral
- Lembra que a implantación deste sistema é unha directriz que marca a Unión Europea en materia de educación e emprego e que, por tanto, Galicia non pode quedar atrás
A Consellería de Traballo e Benestar está a elaborar un borrador de decreto autonómico para a implantación de sistemas de certificación profesional que permitan recoñecer e acreditar oficialmente as competencias profesionais alcanzadas polos traballadores ao longo da súa vida laboral a través de diferentes vías. Así o anunciou a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, no transcurso da inauguración dunhas xornadas sobre as perspectivas da acreditación en Galicia celebradas o 21 de outubro de 2009 en Santiago.
Díaz López sinalou que a formación acreditada oficialmente é un importante factor de selección profesional nas empresas, pero destacou que na actualidade tamén é fundamental a experiencia profesional. “Trátase doutra forma de aprendizaxe profesional e a principal valorada socialmente, aínda que a bagaxe experiencial non atopou polo de agora un recoñecemento oficial por parte das administracións públicas mediante unha acreditación que producise os correspondentes efectos académicos e profesionais”, resaltou.
Por iso, indicou que o Goberno galego traballa para alcanzar este obxectivo lembrando, neste sentido, que todas as directrices en materia de educación e emprego da Unión Europea diríxense á necesidade de que os países membros dispoñan de sistemas de certificación profesional. “Non podemos quedar atrás neste común reto europeo”, subliñou.
Así, o principal obxectivo da iniciativa da Administración autonómica é que os traballadores poidan dispoñer dunha certificación oficial e con validez nacional que acredite a súa competencia profesional con independencia do camiño empregado para a súa adquisición, sexa a formación ou a experiencia laboral. “A finalidade é facilitar ás persoas a súa inserción laboral e motivalos para a aprendizaxe permanente ao longo da súa vida”, afirmou a directora xeral.
O Goberno galego está convencido de que implantar este sistema é importante pola necesidade de que colectivos como os que están relacionados coa Lei de Dependencia e profesionais como os educadores infantís, entre outros, podan recoñecer a súa profesionalidade e así poder inserirse máis facilmente no mercado laboral. “Para elo poñeremos todos os medios tanto humanos como materiais para que este procedemento sexa un éxito”, afirmou Díaz López.
Con esta medida, a Xunta considera, ademais, que se acada outro reto: fomentar a motivación das persoas cara a maiores niveis de preparación profesional, que lles permitan enfrontarse con maiores garantías de éxito aos retos do actual contexto económico e social.
“Este novo procedemento de avaliación da experiencia profesional no marco do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais supón un enfoque distinto ao que non estábamos habituados, xa que significa que o acento se pon no saber facer”, remarcou. Ao respecto, Ana María Díaz López asegurou que con este sistema todas as formas de aprendizaxe serán igualmente válidas, sexan estas a formación, formal ou non, e/ou a práctica profesional”.
A directora xeral de Formación e Colocación rematou a súa intervención preguntando aos participantes nas xornadas si non é a experiencia un factor de aprendizaxe, de adquisición da competencia, tan efectivo, máis quizás, que a formación.
As cifras
En España, que dispón dunha poboación activa de 20 millóns de traballadores, a cifra sitúase nos 11 millóns de persoas. En relación á formación non formal cabe sinalar que o 24% das persoas entre 25 e 75 anos (máis de 7 millóns de persoas) declaran ter realizado algunha actividade formativa no último ano, das que máis dun 68% é por motivos de traballo. En Galicia, a Administración estima que son preto de 650.000 as persoas que carecen dunha acreditación oficial da súa competencia profesional.
Ademais, as persoas que aprenden pola súa conta- mediante autoaprendizaxe, actividades de ocio e tempo libre, entre outras accións) supón máis de 7,5 millóns de persoas, unha de cada adultos.