Páxinas

jueves, 22 de octubre de 2009

Traballo apoiará accións de autoemprego para persoas en paro que esgotaron as súas prestacións e subsidios

O Consello da Xunta aprobou hoxe, 22 de ouutubro de 2009; unha orde pola que se financiarán os gastos e os investimentos máis importantes que se producen na creación dunha empresa

  • O Goberno galego facilitará o acceso ao financiamento externo, chegando a subvencionar ata 6 puntos de xuro dos créditos bancarios que se soliciten para levar a cabo os investimentos en activo fixo
  • Apoiarase a creación dos postos de traballo tanto dos propios promotores como dos traballadores por conta allea
  • O programa conta cun orzamento de 250.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado desde a publicación da iniciativa no DOG
  • As axudas dan resposta a un dos compromisos adquiridos no Plan de medidas urxentes para facer fronte á crise econômica

A Consellería de Traballo e Benestar apoiará as persoas en paro que esgotaran as súas prestacións e/ou subsidios pór desemprego e que queiran por en marcha a súa propia empresa a través dunha orde que aprobou hoxe o Consello da Xunta e que conta cunha partida orzamentaria de 250.000 euros.

Por unha banda, o departamento autonómico subvencionará a creación dos postos de traballo tanto dos propios promotores como dos traballadores por conta allea que desenvolvan contratacións e, por outro lado, facilitarase o acceso ao financiamento externo chegando a subvencionar ata 6 puntos de xuro dos créditos bancarios que se soliciten para levar a cabo os investimentos en activo fixo.

Ademais, o Goberno galego apoiará os gastos correntes circulantes, incluídos os de constitución da empresa, e, ao mesmo tempo, concederanse axudas para a formación empresarial dos promotores para mellorar as posibilidades de supervivencia da nova empresa e para a contratación dos estudos e informes que sexan necesarios para optimizar o funcionamento da firma.

En definitiva, a Consellería financiará parcialmente os gastos e os investimentos máis importantes que se producen no inicio da actividade da nova empresa cun sistema de apoio compatible con outras medidas de apoio como os avais do Igape para autónomos.

Para cumprir co obxectivo, o orzamento destinado a este programa ascende a 250.000 euros. Os interesados en optar a estas axudas poderán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes contado desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar dá resposta a un dos compromisos asumidos a través do Plan de medidas de actuación urxente fronte á crise para paliar a situación das persoas traballadoras que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego.

Así, o programa quere apoiar o autoemprego e o emprendemento dos traballadores que decidan crear o seu propio posto de traballo, xa que a reincorporación ao mercado de traballo a través da posta en marcha da propia iniciativa empresarial é unha opción cada vez máis utilizada polas novas oportunidades de negocio que están a xurdir e pola configuración dunha sociedade cada vez máis emprendedora e partidaria de arriscar.

O departamento autonómico considera que a reincorporación ao mercado de traballo das persoas que esgotaron a súa prestación por desemprego non se debe enfocar unicamente desde a perspectiva de lles facilitar un contrato temporal en colaboración coas entidades locais e outros colectivos sen ánimo de lucro ou a través de incentivos ás empresas privadas.

Publicidade