Orde do 27 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.
Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 08200D007P022.PDF
Programas:
- Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.
- Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.
Entidades beneficiarias das subvencións.
- Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento (DOG nº 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
- Poderán solicitar as subvencións establecidas nos programas regulados nesta orde aquelas entidades que solicitasen a súa cualificación como centro especial de emprego. As axudas concederanse desde a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación.
Solicitudes e prazos.
a) As solicitudes de asistencia técnica, subvención financeira e subvención en función do investimento en activo fixo, para proxectos de creación ou de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego, poderán presentarse ata o 15 de setembro de 2010.
b) Para a subvención do custo salarial deberá presentarse unha única solicitude que comprenderá as mensualidades do último trimestre do ano 2009 e a previsión dos custos salariais polas mensualidades ata setembro de 2010, esta incluída. O prazo para a presentación desta solicitude finalizará o 30 de xuño.
Para os centros especiais de emprego que soliciten a súa cualificación, inicien a súa actividade ou obteñan a súa cualificación con posterioridade ao 30 de xuño por seren de nova creación, a solicitude poderá presentarse ata o 15 de setembro de 2010.
c) As solicitudes de subvención para adaptación de postos de traballo presentaranse con anterioridade á realización da adaptación, e ata o 15 de setembro de 2010.
Non obstante, as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 16 de setembro de 2009 e a data de publicación desta orde poderán acollerse ás súas axudas. Neste caso a solicitude poderá presentarse ata o 30 de xuño de 2010.
d) As solicitudes de axudas para o saneamento financeiro e o equilibrio orzamentario dos centros especiais de emprego poderán presentarse ata o 15 de setembro de 2010.
