- O Consello da Xunta aprobou o 12 de novembro a orde que ten como obxecto regular a convocatoria destas axudas
- Poderán solicitar as subvencións as empresas e entidades ou organizacións sen ánimo de lucro inscritas na Seguridade Social e que inclúan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades relacionadas coa formación para o emprego
A Xunta de Galicia destinará máis de 3,6 millóns de euros ao financiamento de 60 accións de apoio á formación dos traballadores. O Consello da Xunta que tivo lugar o 12 de novembro en Santiago deu o visto e prace á orde que ten como obxecto a aprobación da convocatoria de subvencións dirixidas a este fin.
Poderán ser solicitantes destas axudas as empresas e entidades ou organizacións sen ánimo de lucro inscritas na Seguridade Social que inclúan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades relacionadas coa formación para o emprego.
O financiamento total das axudas previstas nesta orde é de 1.681.716 euros para entidades sen ánimo de lucro e 1.945.000 euros para empresas.
En concreto, as axudas están dirixidas a tres tipos de iniciativas: a accións de prospección e análise, á elaboración de produtos, técnicas e/ou ferramentas de carácter innovador para a mellora da formación profesional para o emprego e a accións de avaliación da formación profesional.
As tres liñas de accións:
As actividades de análise son fundamentalmente estudos que desenvolven as empresas co obxectivo de afondar no coñecemento das demandas de formación e dos problemas e necesidades específicas dos seus traballadores. O obxectivo é poder anticiparse aos cambios nas cualificacións profesionais e adaptar os módulos formativos de acordo co que se estableza na normativa reguladora dos certificados de profesionalidade, unha vez que a propia Xunta de Galicia analiza os devanditos estudos.
As accións para desenvolver ferramentas de carácter innovador están destinadas a facilitar ás empresas e aos distintos axentes que participan na xestión de formación dos traballadores desempregados e ocupados os instrumentos que lles permitan mellorar a súa organización, planificación e desenvolvemento. Así, poderán realizarse, por exemplo, novas aplicacións informáticas. De feito, terán especial consideración as accións baseadas en novas tecnoloxías de información e comunicación que estendan a formación aos traballadores de pequenas empresas.
A terceira liña de acción está destinada a crear metodoloxías e ferramentas de avaliación para que poidan ser aplicados por quen participa e xestiona a formación, co fin de mellorar a súa calidade.

