- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou no trixésimo aniversario da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga)
- Destacou que a Xunta aprobou un incremento de 7 millóns de euros para atención á discapacidade entre este ano e 2010, é dicir, un 20,6% de aumento con respecto a exercicio anterior
- O Goberno galego creará 336 prazas novas para este colectivo, un feito que se está a facer efectivo desde este mesmo outono
31 de outubro de 2009. Galicia contará cun total de 4.171 prazas para galegos e galegas con discapacidade en 2010. Así o confirmou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no acto de celebración do trixésimo aniversario da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga) celebrado en Santiago.
A titular do departamento autonómico sinalou que a Xunta aprobou un incremento de 7 millóns de euros para a atención á discapacidade en Galicia entre este ano e 2010, é dicir, un 20,6% de aumento respecto a este ano. “Isto permitirá pór en marcha en Galicia máis centros de día ocupacionais e residenciais, un 8,6% sobre as prazas existentes”, concretou. En total, serán 336 as novas prazas que se porán en marcha en 2010.
Así mesmo, a conselleira destacou na súa intervención que o Goberno galego porá en marcha o I Plan Integral para Persoas con Discapacidade, unha ferramenta para unir todas as políticas vencelladas á discapacidade.
Este instrumento estará ao servizo da mellora da coordinación entre os organismos e administracións implicados na mellora da calidade de vida deste colectivo, desde os servizos sociais, a saúde, a educación e as melloras familiares.
“Isto é así porque a Xunta defende a aplicación de políticas transversais como mellor forma de abordar calquera problemática”, apuntou.
Ademais, no marco desta acción levarase a cabo tamén un Plan Especial de Emprego para Persoas con Discapacidade ou en risco de exclusión, que formará parte do Plan Autonómico de Emprego 2010-2013. “A Consellería de Traballo e Benestar está ao lado das persoas con discapacidade intelectual de Galicia e imos a impulsar as políticas de inserción social e laboral destas persoas”, indicou.
Por último, Beatriz Mato afirmou que, pese a situación económica o orzamento do departamento autonómico aumentará nun 4%. “Isto significa que a Xunta non vai deixar de lado aos máis débiles , por iso sete de cada dez euros vanse destinar a gasto social”, rematou.
