CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Orde do 9 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio 2010.
Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 12300D010P040.PDF
Beneficiarias.
Serán beneficiarias das axudas desta orde as pequenas e medianas empresas que teñan domicilio social en Galicia ou empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que, pola súa vez, teñan contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, unha persoa.
Terán a consideración de gastos subvencionables os que deseguido se relacionan:
a) Realización de estudos, análises ou diagnoses da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e que incluirán necesariamente os seguintes aspectos: avaliación dos postos de traballo, categorías profesionais, xornada laboral e un estudo da estrutura salarial e extrasalarial.
b) Asistencia a cursos de formación en materia de igualdade convocados ou impartidos por entidades públicas ou privadas con experiencia e prestixio nesta materia, do persoal directivo e/ou mandos intermedios da empresa, así como daquel persoal que forme parte dos órganos de igualdade que se creen para o desenvolvemento do plan de igualdade.
c) A contratación, durante a vixencia do plan de igualdade, de persoal con experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade, co obxecto de asesorar na implantación e aplicación do plan de igualdade.
d) Os gastos derivados da contratación de empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade.
Prazo: ate o 30 de xullo de 2010
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Resolución do 15 de xuño de 2010, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro, para actuacións de difusión relacionadas co desenvolvemento da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e polo Plan Avanza, e se procede á súa convocatoria para 2010 (procedemento administrativo PR521A).
Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 12300D003P008.PDF
As actuacións subvencionables obxecto desta resolución estrutúranse nas seguintes liñas de actuación:
Liña A) eventos de promoción e difusión da sociedade da información.
Proxectos encamiñados á organización e realización de eventos neste ámbito, tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e as tecnoloxías da información e a sociedade da información en xeral.
Liña B) actuacións de difusión dirixidas á cidadanía en xeral.
Actuacións orientadas a satisfacer as necesidades de difusión no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións (en diante TIC) da cidadanía en xeral.
Liña C) actuacións de difusión dirixidas ás pemes.
Actuacións orientadas a proporcionar a empresarios e traballadores coñecemento sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías, que os capaciten para un mellor desempeño do seu posto de traballo actual ou futuro, de xeito que mellore a empregabilidade do traballador e a profesionalidade do empresario.
Liña D) investimentos necesarios para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social.
Equipamento necesario para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social, sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.
Prazo: ate o 30 de xullo de 2010