Páxinas

lunes, 5 de octubre de 2009

Traballo e Benestar colabora con 110.000 euros na formación para a inserción laboral de 52 persoas con Síndrome de Down



Santiago, 5 de outubro de 2009.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe dous convenios de colaboración coas asociacións Down Galicia e Down Vigo que teñen como obxectivo promover a formación para a inserción laboral de persoas con síndrome de Down. Para esta finalidade, o departamento autonómico achega un total de 110.000 euros que beneficiarán a 52 persoas deste colectivo.

Durante a súa intervención, Mato destacou a “especial trascendencia” destes acordos, en tanto o traballo “é un dereito universalmente recoñecido” e a “medida básica de inserción, o camiño máis efectivo para a igualdade e o equilibrio social”.

Así, a conselleira asegurou que impulsar a inserción laboral é un obxectivo “aínda máis necesario” no que se refire a persoas “en risco de exclusión”.

En concreto, puxo como exemplo as cifras do paro neste colectivo. “A taxa de actividade entre as persoas con discapacidade é un 50 por cento máis baixa en relación coa poboación en xeral. E se falamos da discapacidade intelectual, a taxa de actividade está cinco veces por debaixo e o paro está no 45 por cento”, sinalou.

Por iso, aseverou que para conseguir un “estado do benestar real” hai que inverter esta realidade e promover o equilibrio social, un labor no que eloxiou o traballo de asociacións como Down Galicia e Down Vigo e no que comprometeu a colaboración do departamento que dirixe.

Neste sentido, tamén lembrou que a Xunta acaba de aprobar o incremento de máis de 300 prazas nos centros de día, ocupacionais e residencias para persoas con discapacidade. Deste xeito, chegarase en 2010 ás 4.171 prazas, o que supón un aumento do 8,6 por cento. Para iso, a Xunta investirá 42 millóns de euros, o 20,6 por cento máis que no exercicio 2008-2009, como mostra do compromiso e esforzo do Goberno galego.

No que se refire ao contido dos convenios, os 110.000 euros que achega a Consellería repártense entre os cursos de formación que imparten as asociacións Down Galicia e Down Vigo.

O convenio con Down Vigo recibirá un total de 80.000 euros da Xunta de Galicia para a realización de accións de formación profesional para acadar a inserción laboral de persoas actualmente en desemprego. Trátase de dous cursos nos que toman parte 30 alumnos e que comezaron en setembro. Un deles é de camareira de piso e o outro, de azafata.

No caso do acordo con Down Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar investirá 30.000 euros en tres cursos que se están desenvolvendo, desde abril, en Santiago, Ourense e Pontevedra, e que rematarán a principios do próximo ano. Trátase dun programa integrado para o emprego teórico-práctico en técnicas de almacenaxe e xestión de medios materiais. Este proxecto ten como obxectivo a inserción do 35 por cento dos seus 22 alumnos, é dicir, que un mínimo de 8 participantes acaden un contrato ao rematar a formación.


Educación convoca 1.600 prazas para que os traballadores sen titulación convaliden oficialmente a súa experiencia profesional


4 de outubro de 2009.- Ata 1.600 traballadores e traballadoras poderán acreditar de forma oficial as súas competencias profesionais e, de ser o caso, acadar un título de Formación Profesional, a través das prazas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar para a avaliación, o recoñecemento, a acreditación e a certificación da competencia profesional.

Con esta iniciativa, Educación quere recoñecer a valía de quen levan anos desempeñando o seu traballo nunha rama laboral específica, ou con aprendizaxes adquiridas por vías de formación non regrada, permitindo que poidan obter certificados oficiais da súa competencia profesional e, por tanto, capitalizala. De feito, as persoas que acrediten ser merecedores destas prazas recibirán unha certificación oficial que posteriormente poderá ser validada cos módulos correspondentes de títulos de técnico ou técnico superior de Formación Profesional Específica.

A oportunidade vai dirixida a persoas desempregadas ou en activo que conten cunha experiencia mínima de 3 anos completos nos últimos quince anos, relacionada coas competencias que pretenda acreditar.

Distintas familias profesionais

Esta convocatoria abarca un total de 64 unidades de competencia, integradas en 17 ciclos formativos, de 14 familias profesionais diferentes. O proceso desenvolverase en 11 centros educativos onde os traballadores e traballadoras poden solicitar o recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional.

Na Coruña, O CIFP Ánxel Casal realizará o procedementos para validar os módulos de ciclo superior en Audioprótese, o de Laboratorio de diagnóstico clínico e o ciclo medio de Farmacia. No IES de Imaxe e Son acreditáranse competencias no ciclo superior de Son; mentres que o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro recoñecerá a experiencia dos profesionais nos módulos de grao medio de comercio. No CIFP de Fene o procedemento desenvolverase para tres ciclos medios, o de Montaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e produción de calor; o de Instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e condución de liñas; e o de Electromecánica de vehículos.

En Santiago de Compostela, o CIFP Compostela validará as competencias a aqueles traballadores e traballadores que demostren ter experiencia ou coñecementos correspondentes co ciclo medio de Servizos de restaurante e bar. Quen teñan a experiencia requirida en Soldadura e caldeiraría e en Equipos e instalacións electrotécnicas poderán acudir ao CIFP Monte de Conxo para acreditalas.

Na cidade de Ourense, o CIFP A Farixa realizará o procedemento para acreditar de forma oficial a experiencia nas actividades relacionadas co ciclo superior de Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construción, dentro da familia profesional da Edificación e obra civil.

Xa na provincia de Pontevedra, o CIFP A Granxa de Ponteareas encargarase do proceso para avaliar as competencias conducentes ao recoñecemento nos ciclos medios en Elaboración de viños e outras bebidas e Explotacións agrícolas intensivas.

Ademais, dous centros da cidade de Vigo recoñecerán a experiencia dos traballadores nas familias de Actividades marítimo-pesqueiras e de Mantemento de vehículos autopropulsados. Destes xeito, a acreditación de módulos do ciclo medio en Operación, control e mantemento de máquinas e instalación do buque; e de Pesca e transporte marítimo, serán procesados a través do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico. Pola súa parte, o CIFP Valentín Paz Andrade xestionará o recoñecemento no ciclo medio de Carrozaría.

Prazos e requisitos de solicitude

Os profesionais interesados nesta acreditación deberán presentar a solicitude de inscrición, xunto coa documentación requirida, entre os días 13 e 23 de outubro, nos centros onde se vai realizar o proceso. As persoas admitidas matricularanse posteriormente para a fase de asesoramento e avaliación.

En todo caso poderán informarse dos requisitos, datas e lugar para a presentación das solicitudes e documentación, a través dos orientadores e orientadoras dos diferentes centros educativos que impartan Formación Profesional.

axudas destinadas a promover agrupacións de centros con características singulares e institucións públicas do ámbito da educación para a realización

Ministerio de Educación

Axudas

Resolución do 25 de setembro de 2009, da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan axudas destinadas a promover agrupacións de centros con características singulares e institucións públicas do ámbito da educación para a realización e posta en práctica de proxectos comúns (Programa ARCE).

PDF (BOE-A-2009-15823 - 13 páxs. - 338 KB)


Directiva relativa ás disposicións mínimas de seguridade e de saúde para a utilización polo persoal traballador no traballo dos equipos de traballo

DIRECTIVAS DO PARLAMENTO EUROPEO

Directiva 2009/104/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 16 de setembro de 2009, relativa ás disposicións mínimas de seguridade e de saúde para a utilización polo persoal traballador no traballo dos equipos de traballo
(segunda Directiva específica con arranxo ao artígo 16, apartado 1, da Directiva 89/391/CEE) (1)

Directiva relativa aos dispositivos de proteción en caso de envorco dos tractores agrícolas ou forestais de rodas

DIRECTIVAS DO PARLAMENTO EUROPEO

Directiva 2009/57/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xullo de 2009, relativa aos dispositivos de proteción en caso de envorco dos tractores agrícolas ou forestais de rodas (1)


Publicidade