- A conselleira de Traballo e Benestar presidiu hoxe a entrega de premios do XIV Certame Autonómico de Tarxetas de Nadal da asociación Special Olympics Galicia
- A titular do departamento autonómico lembrou que Galicia contará este ano co Plan de Acción Integral e o Plan Especial de Emprego para as persoas con discapacidade
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe o esforzo que fan os colectivos de Galicia que loitan en prol da inclusión social das persoas con discapacidade durante a entrega de premios do XIV Certame Autonómico de Tarxetas de Nadal da asociación Special Olympics Galicia.
No acto que presidiu Mato no salón de actos de San Caetano entregáronse un total de 21 premios. Ao certame presentáronse un total de 1.000 tarxetas que foron enviadas por 36 entidades diferentes.
A titular do departamento autonómico anunciou no evento que o Goberno galego apoiará ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual para que poidan desenvolver o camiño de Santiago durante o Xacobeo.
Mato resaltou, así mesmo, que estes colectivos están a desenvolver “un labor digno de eloxio”, facendo especial fincapé nas actividades sociais, de ocio e deporte que realiza Special Olympics.
“Este tipo de accións son de gran importancia para o colectivo das persoas discapacitadas, xa que o ocio está intimamente ligado ao benestar e a participación social ten un resultado terapéutico destacable”, apuntou.
Neste sentido, sinalou que co desenvolvemento de actividades culturais, turísticas e deportivas as persoas con discapacidade gañan en autoestima, habilidades sociais e físicas, exercitan a súa personalidade e poñen en práctica os seus dereitos, valores e liberdades.
A conselleira lembrou que o Goberno galego elabora un Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia que será presentado nos vindeiros meses.
Ao respecto, definiu este proxecto como unha ferramenta “eficaz e operativa ao servizo da coordinación de todas as políticas e servizos da Administración” dirixidas a este colectivo.
Esta iniciativa defende a transversalidade das políticas en materia de discapacidade; o tratamento integral dos campos prioritarios como a educación, formación, atención sanitaria e emprego –entre outros-; e a aposta pola transversalidade da perspectiva de xénero.
Na elaboración deste documento, o Goberno galego está a ter en conta as achegas de todas as entidades e asociacións.
Por último, Mato apuntou que a Consellería que dirixe tamén traballa na redacción do Plan Especial de Emprego para Persoas con Discapacidade ou en risco de exclusión, que formará parte do Plan Autonómico de Emprego 2010-2013.

