Páxinas

martes, 1 de septiembre de 2009

Medio Ambiente convoca axudas para promover o abandono da profesión dos transportistas autónomos de idade avanzad


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para activar o abandono da profesión dos transportistas autónomos de idade avanzada no sector do transporte público de mercadorías por estrada de Galicia.

O departamento que dirixe Agustín Hernández é consciente da problemática á que conleva a elevada idade dos transportistas autónomos, resultando especialmente grave no contexto económico actual e sobre todo, nas pequenas empresas familiares. Así, a Xunta convoca unhas axudas que serán complementarias coas do Ministerio de Fomento.

Cómpre salientar que serán beneficiarios de ditas subvencións os transportistas autónomos cuxa actividade sexa o transporte de mercadorías por estrada e se comprometan a abandonar esta, renunciando a todas as autorizacións de transporte público das que fosen titulares. Tamén se poderán acoller a este tipo de axudas aquelas persoas que teñan renunciado á actividade de transporte de mercadorías por estrada por medio da baixa de todas as autorizacións de transporte público de que fosen titulares.

Nestes casos, deberán ser autónomos domiciliados en Galicia, ter unha idade igual ou superior aos cincuenta e oito anos, ou ter incapacidade permanente absoluta, ser titulares dunha autorización vixente de transporte público de mercadorías e estar dados de alta no réxime de autónomos da Seguridade Social os últimos dez anos. Ademais, as autorizacións de transporte público de mercadorías de ámbito nacional, comarcal ou local para vehículos con capacidade de tracción propia computaranse como copias dunha mesma autorización.

Contías

Os beneficiarios cunha idade inferior a sesenta e cinco anos recibirán 500 euros por cada seis meses completos que lles resten para cumprir esa idade no momento de presentar a solicitude. O cómputo dos semestres farase a partir do 1 de xuño do exercicio para o que se piden as axudas.
Se o solicitante fose titular dunha autorización de transporte público de mercadorías exclusivamente habilitante para realizar transporte con vehículos lixeiros, correspóndenlle 1.500 euros se unha das copias estivese referida a un vehículo de 3.500 kg de masa máxima autorizada, e 1.200 euros no outro caso.

Cómpre salientar que no caso de que o solicitante fose titular dunha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para realizar transporte con calquera clase de vehículo, a contía sería de 3.000 euros.

Por outra banda, aos titulares de autorizacións de transporte de ámbito autonómico e que permanezan excluídos das axudas convocadas por Fomento para o abandono da actividade, concederáselle o dobre da subvención que lles correspondería consonte as alíneas anteriores.
Finalmente, os titulares de autorizacións incluídas en distintas alíneas do número anterior, outórgaselles a cantidade máis elevada das dúas que lle puideran corresponder.

Solicitudes e prazos

As persoas interesadas en acollerse a estas axudas deberán presentar unha solicitude que poderá ser descargada da web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (www.cmati.xunta.es) ou ben recollela nas dependencias da Dirección Xeral de Mobilidade, incluíndo as súas correspondentes delegacións. Tamén é precisa a incorporación dunha declaración referente ao cumprimento dos requisitos, autenticidade de datos e compromiso de facilitar a documentación complementaria. Ademais, cómpre achegar o DNI, certificación bancaria do número de conta, informe da vida laboral, permiso de condución e de ser o caso, declaración de incapacidade absoluta.

As solicitudes presentaranse na Dirección Xeral de Mobilidade, lembrando que o prazo virá determinado na resolución convocatoria das axudas. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Criterios de valoración e obrigas dos beneficiarios

A Comisión de Valoración, encargada da revisión e xestión de todas as solicitudes, terá en conta criterios como a declaración de incapacidade permanente absoluta, a maior idade dos transportistas que as soliciten e a clase de autorizacións, dando preferencia ás que habiliten para realizar transporte con calquera tipo de vehículo.

Os beneficiarios das subvencións deberán cumprir as obrigas de abandonar de xeito definitivo a actividade de transporte, non achegar a súa capacitación a outras empresas, reintegrar a contía no caso de incumprimento de requisitos e permitir que Mobilidade realice as inspeccións oportunas.

Economía e Industria asina un acordo por preto de 600.000 euros co sector da lousa e das canteiras para fomentar a calidade dos seus produtos



O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, acompañado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, o presidente da Asociación Galega de Pizarristas, Jesús Vidal, e o presidente da Asociación de Canteiras de Galicia, Marcelino Martínez, veñen de asinar hoxe un convenio en virtude do cal a Xunta subvencionará con preto de 600.000 euros o fomento da calidade e da competitividade dos seus produtos.

Javier Guerra recordou neste encontro cos representantes das asociacións da lousa e as canteiras que a Consellería de Economía e Industria vén impulsando especialmente a ordenación e o desenvolvemento dos sectores relacionados coa minería de rochas ornamentais, e apoiando con este tipo de accións o fomento, a investigación, a innovación tecnolóxica, a formación, o asesoramento e a promoción comercial neste eido.

En virtude deste convenio a Asociación Galega de Pizarristas levará a acabo accións de información entre profesionais relacionados coa súa actividade, como arquitectos ou aparelladores para que estes poidan recoñecer con exactitude as diferencias que existen entre os materiais que se ofrecen no mercado. De xeito que nas obras nas que se prescriba a utilización de lousa se empreguen realmente materiais que segundo as especificacións europeas poden ser calificados como a devandita lousa, e non outros produtos semellantes.

De xeito que un dos compromisos adquiridos neste acordo é a creación dunha marca de calidade e imaxe que levará por nome: “Lousa de Galicia-España” e poderá ir en tódalas etiquetas das empresas que pertenzan á Asociación Galega de Pizarristas (AGP).

Pola súa parte, a Asociación de Canteiras de Galicia (ACG) considera prioritario levar a cabo actuacións para mellorar o posicionamento do sector do granito, para o cal teñen plantexado na Consellería de Economía e Industria a necesidade de por en marcha un Plan Sectorial que dote ás empresas galegas das ferramentas axeitadas para mellorar a súa competitividade.

Ademais, a ACG tamén fará un estudo de posicionamento, imaxe e estratexia para establecer unha marca de calidade do produto e do sector que permita, entre outras cousas, fomentar aspectos técnicos como a correcta colocación do granito. Por último, os representantes das canteiras galegas tamén elaborarán un estudo de mercado para poder establecer unha estratexia de comunicación que terá como obxectivo a diferenciación de produtos.

Asemade, Guerra sinalou que a celebración deste convenio amosa a receptividade e o compromiso adquirido polo departamento que dirixe na tarefa de apoiar aos sectores que contribúan á dinamización da economía galega.

Para acadar estes obxectivos, o departamento de Economía e Industria da Xunta financiará os gastos que xeren as actividades que propoñen ambas asociacións co fin de mellorar a calidade dos seus produtos cun importe máximo de 568.000 euros.

Por outra banda, dende o departamento de Economía e Industria da Xunta considerase que cómpre coordinar e plantexar estratexias de desenvolvemento do sector nas que participen coordinadamente as empresas, as asociacións e as administracións, para que do esforzo conxunto xurda unha boa estratexia de cara a fomentar a calidade do produto galego.

De feito, tódalas partes que se teñen reunido hoxe para asinar este convenio saben da necesidade de promover a calidade das rochas ornamentais dunha maneira agrupada, razón pola cal este acordo acadou a firma das asociacións que representan ao sector.

Traballo e Benestar destina 850.000 euros ao Plan de desenvolvemento xitano, un 15% máis que no ano 2008


O Goberno galego destinou este ano un total de 850.000 euros ao Plan de Desenvolvemento Xitano, un 15% máis que no ano 2008, tal e como explicou hoxe a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, quen deu a coñecer en rolda de prensa o reparto do investimento concello por concello.

En concreto, a Consellería de Traballo e Benestar concedeu a subvención entre as 28 localidades que se sumaron en 2009 a esta iniciativa, que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida da comunidade xitana de Galicia.

Por provincias, Ourense foi a que maior axuda económica recibiu, un total de 252.187,18 euros; seguida de A Coruña con 244.078,11 €; Pontevedra con 207.516,38 € e Lugo con 146.218,33 €.

En Ourense son 8 as localidades que forman parte do plan: a cidade ourensá, que percibiu 76.015 € en 2009; Maceda (46.109 €); Verín (35.752 €); Xinzo de Limia (32.289 €); Maside (31.321 €); O Carballiño (17.000 €); Ribadavia (11.305 €); e Esgos (2.394 €).

En A Coruña, os concellos adheridos á iniciativa son 10: a cidade herculina que contou cunha axuda de 64.740 euros (12.000 € para o programa integral de desenvolvemento xitano e os 52.740 € restantes para a integración no poboado de Penamoa); Santiago (46.047 €); Culleredo (31.563 €); Ribeira (30.638 €); Narón (25.000 €); Arteixo (12.965 €); Betanzos (9.873 €); Santa Comba (9.600 €); Bergondo (7.000 €); e Teo (6.650 €).

Na provincia de Pontevedra o concello que recibiu a maior axuda económica da Xunta foi Poio, onde se empraza o poboado de O Vao, con 76.248 euros. Tamén percibiron subvencións O Porriño (59.078 €); Vigo (37.747 €); Marín (15.000 €); a cidade pontevedresa (10.326 €); e Redondela (9.115 €).

Por último, os 146.218 € que a Consellería reservou para a provincia de Lugo repartíronse da seguinte forma: Lugo (80.652 €); Viveiro (35.047 €); Quiroga (22.868 €); e Monforte de Lemos (7.650 €).

A Consellería de Traballo e Benestar tamén busca con esta liña de axudas favorecer a participación do pobo xitano na vida pública e social, propiciar unha maior convivencia entre os distintos grupos sociais e culturais e combater a discriminación e o racismo a través de proxectos de intervención social de carácter integral para a atención, prevención e inserción desta comunidade.

Entre as accións que desenvolven os concellos con estas axudas destacan os itinerarios de inserción laboral personalizados, os cursos de formación, a prevención e asistencia de casos de alcoholismo ou drogodependencia, a rehabilitación e acondicionamento de vivendas ou a intervención coas familias para reducir o absentismo escolar.

A secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, destacou que os plans que están a desenvolver os concellos teñen unha maior incidencia na inserción educativa dos nenos e nenas e das mulleres de etnia xitana. No último eido, a representante do departamento autonómico destacou a importancia de establecer liñas de colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade para acadar “un obxectivo que considero moi importante”, subliñou.

López Abella, ademais, resaltou a importancia de que as administracións públicas sigan a traballar da man para mellorar a integración deste pobo. De feito, amosou que o Plan de Desenvolvemento Xitano lévase a cabo en colaboración coas corporacións locais. “Os concellos son os piares básicos porque están en proximidade coa problemática das súas localidades”, engadiu.

Explicou, así mesmo, que a implicación dos concellos nestes plans e o peso da poboación xitana son premisas fundamentais para conceder estas axudas.

Por último, a secretaria xeral de Familia e Benestar lembrou que nos últimos meses mantivo reunións con representantes de diversos colectivos de etnia xitana, “unha proba do interese que amosamos por estes colectivos”, apuntou.

Acceder

Ademais, o departamento autonómico renovou este ano o convenio coa Fundación Secretariado General Gitano. Así, adicou a este fin un total de 64.000 euros que se destina a un programa de actuacións que ten por finalidade a realización de accións dirixidas ás minorías étnicas cara a promover a inclusión social e a súa integración socio laboral.

A iniciativa denomínase Acceder e conta con catro dispositivos de intervención situados nos concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago. O obxectivo é realizar accións de formación profesional ocupacional, orientación laboral, acompañamento no acceso ao emprego e accións de sensibilización dirixidas a empresarios.

Para ver cadro explicativo das axudas para proxectos de desenvolvemento do pobo xitano prema aquí.

Axudas destinadas ao fomento de actividades de formación profesional náutico-pesqueira para o ano 2009

Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Marino

Axudas


Orde ARM/2334/2009, do 12 de agosto, pola que se convocan axudas destinadas ao fomento de actividades de formación profesional náutico-pesqueira para o ano 2009.

PDF (BOE-A-2009-14086 - 9 páxs. - 352 KB)



Subvencións a municipios, mancomunidades de municipios e comarcas para o desenvolvemento de programas innovadores a favor da integración de inmigrante

Ministerio de Traballo e Inmigración

Subvencións

Resolución do 16 de xullo de 2009, da Dirección Xeral de Integración da Inmigración, pola que se convoca a concesión de subvencións a municipios, mancomunidades de municipios e comarcas para o desenvolvemento de programas innovadores a favor da integración de inmigrantes.

PDF (BOE-A-2009-14085 - 20 páxs. - 573 KB)



Axudas para a realización das diversas modalidades que conforman o Programa de Cooperación Interuniversitaria e Investigación Científica

Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación

Axudas

Resolución do 24 de agosto de 2009, da Presidencia da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, pola que se convocan axudas para a realización das diversas modalidades que conforman o Programa de Cooperación Interuniversitaria e Investigación Científica.

PDF (BOE-A-2009-14083 - 93 páxs. - 4112 KB)



Regulamento sobre a comercialización e a utilización dos piensos

REGULAMENTOS DO PARLAMENTO EUROPEO E DO CONSELLO

Regulamento (CE) no 767/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xullo de 2009, sobre a comercialización e a utilización dos piensos, polo que se modifica o Regulamento (CE) no 1831/2003 e se derogan as Directivas 79/373/CEE do Consello, 80/511/CEE da Comisión, 82/471/CEE do Consello, 83/228/CEE do Consello, 93/74/CEE do Consello, 93/113/CE do Consello e 96/25/CE do Consello e a Decisión 2004/217/CE da Comisión (1)


Premios Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística, correspondentes aos Premios Galicia de Investigación 2009

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

Orde do 24 de agosto de 2009 pola que se convocan os Premios Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística, correspondentes aos Premios Galicia de Investigación 2009.

Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 17100D007P035.PDF

Axudas para o ano 2009 correspondentes ao Programa Manuel Colmeiro


CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Orde do 7 de agosto de 2009 pola que se convocan as axudas para o ano 2009 correspondentes ao Programa Manuel Colmeiro dentro do Programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica-Incite (2006-2010).

Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 17100D006P023.PDF

Axudas a transportistas autónomos de mercadorías por estrada que abandonen a actividade

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

Orde do 19 de agosto de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a transportistas autónomos de mercadorías por estrada que abandonen a actividade.

Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 17100D002P015.PDF


Axudas para a realización de actividades culturais con destino aos lugares nos que estean radicadas as entidades galegas no exterior

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

Resolución do 26 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen e se regulan as axudas para a realización de actividades culturais con destino aos lugares nos que estean radicadas as entidades galegas no exterior.

Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 17100D001P005.PDF


Publicidade