- Será a través de accións formativas, ao redor de 850 dirixidas prioritariamente a traballadores ocupados
- Este programa formativo, que conta con 11,6 millóns de euros de investimento, foi consensuado con sindicatos e patronal
O Consello da Xunta deu hoxe, 22 de outubro de 2009; o visto e prace á orde pola que se convocarán as subvencións para os plans de formación sectoriais, dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados. O número aproximado de persoas que se beneficiarán desta iniciativa é de 20.000.
O obxectivo deste proxecto é proporcionar ás persoas traballadoras a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requerimentos de produtividade e competitividade das empresas, e que sexan axeitados tamén ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores.Para poñer en marcha estes plans de formación, a Consellería de Traballo e Benestar achega un financiamento por importe de 11,6 millóns de euros, cofinanciados pólo Fondo Social Europeo e pola Administración Xeral do Estado.
Estas accións formativas –das que se executarán ao redor de 850- están dirixidas a traballadores ocupados, pero tamén poderán beneficiarse delas as persoas desempregadas, cun límite máximo dun 40 por cento.
Así, poderán solicitar a súa participación as persoas traballadoras asalariadas que prestan os seus servizos en empresas privadas ou entidades públicas empresariais; as persoas traballadoras fixas discontinuas nos períodos de non ocupación; os que accedan a situación de desemprego cando se encontren en período formativo, ou os traballadores que se acolleran a regulación de emprego nos seus períodos de suspensión.
Tamén poderán optar a esta formación os traballadores incluídos nos réximes especial agrario, de autónomos, do mar e outros da Seguridade Social que non coticen póla contixencia de formación profesional; os socios traballadores de cooperativas e sociedades, así como os coidadores non profesionais no que atinxe á oferta sectorial no eido dos servizos de atención ás persoas dependentes.
Con todo, e co fin de garantir o acceso aos traballadores con maior dificultade de inserción ou mantemento no mercado laboral, poderán ter prioridade os traballadores de pequenas e medianas empresas, as mulleres, os afectados e vítimas do terrorismo e da violencia de xénero, os maiores de 45 anos, os traballadores con baixa cualificación e as persoas con discapacidade.
No que respecta ao contido dos cursos, a orde prioriza as accións formativas sectoriais das seguintes áreas: fabricación mecánica, electricidade e electrónica, e instalación e mantemento; o comercio e a hostalaría; agro-pesqueira; téxtil e confección; enerxía, auga e química; servizos á comunidade (actividadessocioculturais, seguridade e medio ambiente, sanidade, imaxe persoal); transportes; Administración, informática e novas tecnoloxías (inclúe artes gráficas, imaxe e son); construción, industrias extractivas, e madeira e moble, xunto con calidade e prevención de riscos laborais.
Bolsas de apoio e duración Os participantes nestes cursos de formación poderán percibir distintas modalidades de bolsas e axudas, para o transporte, a manutención e o aloxamento, sempre que cumpran os requisitos marcados pola orde. Tamén se recollen axudas á conciliación, no caso das persoas desempregadas que teñen que conciliar a súa asistencia á formación co coidado de fillos menores de 6 anos ou de familiares dependentes ata segundo grao.
Xa no que se refire ás entidades beneficiarias, poderán solicitar as subvencións para a execución dos plans de formación as organizacións empresariais e sindicais representativas no correspondente sector, as entidades creadas ao abeiro da negociación colectiva sectorial e representativas no ámbito autonómico, e as organizacións empresariais e sindicais que participan na negociación colectiva sectorial no ámbito autonómico, provincial ou estatal.
A execución dos plans de formación irán desde o día 1 de setembro de 2009 ata o 31 de agosto de 2010. Polo que se refire ás accións formativas, estas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas nin superior a 270, salvo que haxa unha autorización expresa da Dirección Xeral de Formación e Colocación. En todo caso, a duración non será superior ás 8 horas diarias. As modalidades poderán ser presenciais, distancia convencional, teleformación ou mixtas.