Páxinas

martes, 11 de agosto de 2009

Traballo e Benestar incrementa a cofinanciación dos concellos en materia social para axudalos a afrontar a crise económica

O obxectivo destas axudas é dar cobertura ás prestacións básicas de servizos sociais, como a atención á dependencia ou o proxecto para o desenvolvemento do pobo xitano


11 de agosto de 2009.- A Consellería de Traballo e Benestar vén de incrementar o crédito á hora de cofinanciar aos concellos na prestación dos servizos sociais. O obxectivo é axudalos nestes momentos de crise económica, que asfixia especialmente ás corporacións locais.

Con estas medidas, a Consellería dá resposta a diversas liñas de actuación. En concreto, estas subvencións serven para dar cobertura ás prestacións básicas de servizos sociais, como o proxecto de atención á dependencia, o proxecto de desenvolvemento do pobo xitano, e o primeiro nivel de atención a sectores da poboación co problemáticas diferenciais.

Ademais, estas axudas ofrecen estabilidade aos traballadores e aos programas de servizos sociais, ao tempo que fomentan estes servizos nos concellos galegos e promoven os investimentos municipais en materia social en Galicia.

Deste xeito, o departamento autonómico ampliou en 3,1 millóns o crédito destinado a estas subvencións. A Consellería tamén modificou a orde que regula estas axudas, de modo que agora permite o anticipo do 100 por cen da subvención para gastos correntes, sempre que o Goberno local aporte o 6 por cento ou máis do orzamento proposto.


Tamén se estableceu un incremento da porcentaxe dos pagamentos a conta, para poder ofertar aos concellos a dispoñibilidade financieira precisa para facer fronte á prestación destes servizos, máxime nesta situación de crise económica, dirixidos aos sectores da poboación máis desfavorecidos.

Así, o Goberno galego anticipará o 100 por cen da subvención para gastos correntes, no momento do seu outorgamento, cando o Concello cofinancie, como mínimo, o 6 por cento do orzamento total proposto. Nos anos anteriores, autorizábase un anticipo superior ao 10 por cento.

Nos casos nos que os Gobernos municipais non acaden esta porcentaxe do 6 por cento, poderán realizarse pagamentos a conta de ata o cen por cen, cando ata o de agora só chegaba ao 80 por cento. No que se refire ás subvencións destinadas a financiar os investimentos de capital en materia de servizos sociais, tamén se realizarán pagamentos a conta do 100 por cen da porcentaxe subvencionada, cando nos anos anteriores o límite estaba no 80 por cento.

Apoio a viabilidade das explotacións leiteiras

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Orde do 6 de agosto de 2009 pola que se regulan e se convocan as subvencións de apoio á viabilidade das explotacións leiteiras galegas.

Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf:15600D002P006.PDF

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas en réxime de concorrencia competitiva polo sistema de rateo, destinadas aos titulares de explotacións de vacún de leite na Comunidade Autónoma de Galicia, e teñen como finalidade apoiar a viabilidade das explotacións leiteiras nunha situación xeral de custos de produción elevados e prezos de leite baixos.

Publicidade