Agustín Hernández presentou o reparto dos fondos en materia de estradas desta actuación do actual Goberno, que implicará a creación de case 1.000 postos de traballo
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destaca que no mes de outubro todas as obras estarán en execución e rematadas no presente ano
Sinala que as actuacións céntranse en medidas de conservación e rehabilitación de firmes, limpeza de maleza en cunetas e noiros, melloras de sinalización e balizamento, plans de seguridade vial e arranxos de drenaxes na rede de estradas galegas
Aclara que o Plan anti-crise é resultado da reordenación dos créditos do Goberno actual que afectan a máis do 11% dos Orzamentos da Comunidade, e que, na súa contía de 1.300 millóns inclúe os 144 millóns de euros do Plan de austeridade
Plan anti-crise
O representante do Goberno galego recordou que o Plan de Choque contra a crise trata de buscar instrumentos para loitar contra a situación económica actual, xa que de seguir por esta senda económica, España pode ser o último país en saír da crise económica. Defendeu que este plan é necesario, hoxe é máis urxente que nunca.
Agustín Hernández aclarou que este plan é resultado da “reordenación dos créditos da Xunta de Galicia que afectan a máis do 11% dos Orzamentos da Comunidade”, e que, na súa contía de 1.300 millóns inclúe os 144 millóns de euros do Plan de austeridade aprobado tamén polo Consello de Goberno.
Cómpre sinalar que o plan destina á partida de fomento da produtividade do tecido industrial un orzamento de 938 millóns de euros, que en materia de infraestruturas se traduce en 644 millóns de euros. Nese senso, os investimentos do departamento que dirixe Agustín Hernández supoñen o 50% dos orzamentos en infraestruturas contemplados dentro do Plan anti-crise. Estas disposicións pretenden canalizar a meirande parte do esforzo financeiro da administración autonómica cara a investimentos produtivos para suplir a baixa de demanda agregada en sectores básicos da nosa economía e aumentar a competitividade do tecido empresarial. Estas inversións, ademais, implicarán a consecución de 20.000 postos de traballo inducidos principalmente no sector da construción e tamén, en industria e en servizos.
Aclarou que os 316 millóns de euros (o 50% do Plan de Choque) que xestiona a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas repártense entre a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), que canalizará 76 millóns de euros para obras de saneamento e abastecemento, e a Dirección Xeral de Infraestruturas, que destina 240 millóns a estradas e infraestruturas do transporte.
Austeridade
O citado Plan de choque contra a crise incorpora os 144 millóns de euros aforrados grazas ao Plan de Austeridade aprobado pola Xunta e materializa o compromiso do Goberno galego coa reactivación da economía e cos sectores produtivos de Galicia. Como obras financiadas con cargo aos aforros do plan de austeridade, destacan as hidráulicas que reciben 8 millóns, e as estradas, con 27 millóns de euros.
Vivenda
Outras actuacións sectoriais de fomento industrial afectarán á vivenda, ampliando as axudas a máis cidadáns, impulsando a vivenda protexida e a rehabilitación, ofrecendo así unha alternativa ao sector inmobiliario para reactivarse. Entre 2009 e 2012 financiaranse un mínimo de 50.755 accións en materia de vivenda. O investimento público total aproximado é de 593 millóns de euros, repartidos da seguinte forma: 463, Ministerio de Vivenda e 130. IGVS. Está previsto que xa se invistan 67 millóns no que resta do ano 2009.
