Páxinas

jueves, 20 de agosto de 2009

Galicia será pioneira en España no uso dunha ferramenta de primeiro nivel que garantirá a atención aos discapacitados en caso de emerxencias

Galicia converterase na primeira comunidade autónoma de España en dispoñer de unha ferramenta de primeiro nivel para dar resposta ás emerxencias para todas aquelas persoas con discapacidades auditivas e de fala que ata o de agora non podían, agás intervención de terceiros, comunicar e solicitar resposta ás situacións de emerxencias nas que se viran afectadas. Esta ferramenta que se implementará na nosa Comunidade de xeito pioneiro será a que posteriormente se empregue no resto de centros de emerxencias de Europa para dar cobertura aos colectivos con este tipo de discapacidades.

Así o anuncia o Centro de Atención de Emerxencias 112 de Galicia (CAE 112), dependente da Axencia Galega de Emerxencias, que desde o pasado 1 de xullo participa nun proxecto europeo innovador que ten como fin facilitar e garantir a atención ás persoas con discapacidades en casos de emerxencias. O proxecto, que recibe o nome de REACH (‘Responding to All Citizens needing Help’/ Resposta a todos os cidadáns que precisan axuda), ten unha duración de tres anos e conta cun orzamento de 225.930 euros, financiados ao 50% coa Unión Europea. O acceso directo ao 112 en igualdade de condicións que o resto de cidadáns supón un avance decidido no camiño cara a plena integración das persoas con discapacidades, xa que se trata, en definitiva, de prestar uns servizos necesarios e de calidade de acorde cos tempos en que vivimos e que a Sociedade do Benestar demanda.

Singularidade orográfica e poboacional

Para participar nesta iniciativa pioneira, o CAE 112 foi escollido xunto con outras tres centros de emerxencias de entre todos os existentes en Europa. O motivo da selección do centro galego foi a súa evolución, desenrolo e experiencia na xestión de emerxencias nun territorio singularizado polas súas condicións orográficas e de dispersión poboacional, o que constitúe un interesante campo de proba para este novidoso sistema de resposta total do que se extraerán importantes consecuencias para a súa implantación no resto de Europa.

O REACH 112 achegará solucións para comunicarse en calquera situación, ben a través de comunicación escrita, linguaxe de signos, lectura de beizos, con voz ou calquera combinación simultánea dos citados modelos baixo o concepto de comunicación total. Neste sentido, proporcionaranse dispositivos especialmente adaptados en fogares, lugares de traballo e desprazamentos, que conectarán aos usuarios simultaneamente a través de vídeo, son e texto. Con esta iniciativa liderarase a mellora de comunicacións entre os cidadáns, en particular daqueles con algún tipo de discapacidade, ademais da accesibilidade e o tratamento de chamadas dos servizos de emerxencias de toda a Unión Europea.

No proxecto participan 22 socios de Italia, Suecia, Reino Unido, Holanda, Francia, Grecia, Bélxica, Finlandia e España. No caso español, ademais do CAE 112, tamén participan como socios as empresas Siemens, Vodafone e Sertel.

Publicidade