Páxinas

sábado, 31 de octubre de 2009

Galicia contará con máis de 4.000 prazas en centros para persoas con discapacidade en 2010


31 de outubro de 2009. Galicia contará cun total de 4.171 prazas para galegos e galegas con discapacidade en 2010. Así o confirmou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no acto de celebración do trixésimo aniversario da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga) celebrado en Santiago.

A titular do departamento autonómico sinalou que a Xunta aprobou un incremento de 7 millóns de euros para a atención á discapacidade en Galicia entre este ano e 2010, é dicir, un 20,6% de aumento respecto a este ano. “Isto permitirá pór en marcha en Galicia máis centros de día ocupacionais e residenciais, un 8,6% sobre as prazas existentes”, concretou. En total, serán 336 as novas prazas que se porán en marcha en 2010.

Así mesmo, a conselleira destacou na súa intervención que o Goberno galego porá en marcha o I Plan Integral para Persoas con Discapacidade, unha ferramenta para unir todas as políticas vencelladas á discapacidade.

Este instrumento estará ao servizo da mellora da coordinación entre os organismos e administracións implicados na mellora da calidade de vida deste colectivo, desde os servizos sociais, a saúde, a educación e as melloras familiares.

“Isto é así porque a Xunta defende a aplicación de políticas transversais como mellor forma de abordar calquera problemática”, apuntou.

Ademais, no marco desta acción levarase a cabo tamén un Plan Especial de Emprego para Persoas con Discapacidade ou en risco de exclusión, que formará parte do Plan Autonómico de Emprego 2010-2013. “A Consellería de Traballo e Benestar está ao lado das persoas con discapacidade intelectual de Galicia e imos a impulsar as políticas de inserción social e laboral destas persoas”, indicou.

Por último, Beatriz Mato afirmou que, pese a situación económica o orzamento do departamento autonómico aumentará nun 4%. “Isto significa que a Xunta non vai deixar de lado aos máis débiles , por iso sete de cada dez euros vanse destinar a gasto social”, rematou.

Publicidade