Páxinas

martes, 1 de septiembre de 2009

Traballo e Benestar destina 850.000 euros ao Plan de desenvolvemento xitano, un 15% máis que no ano 2008


O Goberno galego destinou este ano un total de 850.000 euros ao Plan de Desenvolvemento Xitano, un 15% máis que no ano 2008, tal e como explicou hoxe a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, quen deu a coñecer en rolda de prensa o reparto do investimento concello por concello.

En concreto, a Consellería de Traballo e Benestar concedeu a subvención entre as 28 localidades que se sumaron en 2009 a esta iniciativa, que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida da comunidade xitana de Galicia.

Por provincias, Ourense foi a que maior axuda económica recibiu, un total de 252.187,18 euros; seguida de A Coruña con 244.078,11 €; Pontevedra con 207.516,38 € e Lugo con 146.218,33 €.

En Ourense son 8 as localidades que forman parte do plan: a cidade ourensá, que percibiu 76.015 € en 2009; Maceda (46.109 €); Verín (35.752 €); Xinzo de Limia (32.289 €); Maside (31.321 €); O Carballiño (17.000 €); Ribadavia (11.305 €); e Esgos (2.394 €).

En A Coruña, os concellos adheridos á iniciativa son 10: a cidade herculina que contou cunha axuda de 64.740 euros (12.000 € para o programa integral de desenvolvemento xitano e os 52.740 € restantes para a integración no poboado de Penamoa); Santiago (46.047 €); Culleredo (31.563 €); Ribeira (30.638 €); Narón (25.000 €); Arteixo (12.965 €); Betanzos (9.873 €); Santa Comba (9.600 €); Bergondo (7.000 €); e Teo (6.650 €).

Na provincia de Pontevedra o concello que recibiu a maior axuda económica da Xunta foi Poio, onde se empraza o poboado de O Vao, con 76.248 euros. Tamén percibiron subvencións O Porriño (59.078 €); Vigo (37.747 €); Marín (15.000 €); a cidade pontevedresa (10.326 €); e Redondela (9.115 €).

Por último, os 146.218 € que a Consellería reservou para a provincia de Lugo repartíronse da seguinte forma: Lugo (80.652 €); Viveiro (35.047 €); Quiroga (22.868 €); e Monforte de Lemos (7.650 €).

A Consellería de Traballo e Benestar tamén busca con esta liña de axudas favorecer a participación do pobo xitano na vida pública e social, propiciar unha maior convivencia entre os distintos grupos sociais e culturais e combater a discriminación e o racismo a través de proxectos de intervención social de carácter integral para a atención, prevención e inserción desta comunidade.

Entre as accións que desenvolven os concellos con estas axudas destacan os itinerarios de inserción laboral personalizados, os cursos de formación, a prevención e asistencia de casos de alcoholismo ou drogodependencia, a rehabilitación e acondicionamento de vivendas ou a intervención coas familias para reducir o absentismo escolar.

A secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, destacou que os plans que están a desenvolver os concellos teñen unha maior incidencia na inserción educativa dos nenos e nenas e das mulleres de etnia xitana. No último eido, a representante do departamento autonómico destacou a importancia de establecer liñas de colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade para acadar “un obxectivo que considero moi importante”, subliñou.

López Abella, ademais, resaltou a importancia de que as administracións públicas sigan a traballar da man para mellorar a integración deste pobo. De feito, amosou que o Plan de Desenvolvemento Xitano lévase a cabo en colaboración coas corporacións locais. “Os concellos son os piares básicos porque están en proximidade coa problemática das súas localidades”, engadiu.

Explicou, así mesmo, que a implicación dos concellos nestes plans e o peso da poboación xitana son premisas fundamentais para conceder estas axudas.

Por último, a secretaria xeral de Familia e Benestar lembrou que nos últimos meses mantivo reunións con representantes de diversos colectivos de etnia xitana, “unha proba do interese que amosamos por estes colectivos”, apuntou.

Acceder

Ademais, o departamento autonómico renovou este ano o convenio coa Fundación Secretariado General Gitano. Así, adicou a este fin un total de 64.000 euros que se destina a un programa de actuacións que ten por finalidade a realización de accións dirixidas ás minorías étnicas cara a promover a inclusión social e a súa integración socio laboral.

A iniciativa denomínase Acceder e conta con catro dispositivos de intervención situados nos concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago. O obxectivo é realizar accións de formación profesional ocupacional, orientación laboral, acompañamento no acceso ao emprego e accións de sensibilización dirixidas a empresarios.

Para ver cadro explicativo das axudas para proxectos de desenvolvemento do pobo xitano prema aquí.

Publicidade