- Medio Ambiente convoca axudas para promover o abandono da profesión dos transportistas autónomos de idade avanzada no sector de transporte de mercadorías por estrada
- Os beneficiarios cunha idade inferior a sesenta e cinco anos recibirán 500 euros por cada seis meses completos que lles resten para cumprir esa idade no momento de presentar a instancia
- As solicitudes deben ser presentadas na Dirección Xeral de Mobilidade, adxuntando documentación varia como DNI, permiso de condución ou certificación bancaria do número de conta
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para activar o abandono da profesión dos transportistas autónomos de idade avanzada no sector do transporte público de mercadorías por estrada de Galicia.
O departamento que dirixe Agustín Hernández é consciente da problemática á que conleva a elevada idade dos transportistas autónomos, resultando especialmente grave no contexto económico actual e sobre todo, nas pequenas empresas familiares. Así, a Xunta convoca unhas axudas que serán complementarias coas do Ministerio de Fomento.
Cómpre salientar que serán beneficiarios de ditas subvencións os transportistas autónomos cuxa actividade sexa o transporte de mercadorías por estrada e se comprometan a abandonar esta, renunciando a todas as autorizacións de transporte público das que fosen titulares. Tamén se poderán acoller a este tipo de axudas aquelas persoas que teñan renunciado á actividade de transporte de mercadorías por estrada por medio da baixa de todas as autorizacións de transporte público de que fosen titulares.
Nestes casos, deberán ser autónomos domiciliados en Galicia, ter unha idade igual ou superior aos cincuenta e oito anos, ou ter incapacidade permanente absoluta, ser titulares dunha autorización vixente de transporte público de mercadorías e estar dados de alta no réxime de autónomos da Seguridade Social os últimos dez anos. Ademais, as autorizacións de transporte público de mercadorías de ámbito nacional, comarcal ou local para vehículos con capacidade de tracción propia computaranse como copias dunha mesma autorización.
Contías
Os beneficiarios cunha idade inferior a sesenta e cinco anos recibirán 500 euros por cada seis meses completos que lles resten para cumprir esa idade no momento de presentar a solicitude. O cómputo dos semestres farase a partir do 1 de xuño do exercicio para o que se piden as axudas.
Se o solicitante fose titular dunha autorización de transporte público de mercadorías exclusivamente habilitante para realizar transporte con vehículos lixeiros, correspóndenlle 1.500 euros se unha das copias estivese referida a un vehículo de 3.500 kg de masa máxima autorizada, e 1.200 euros no outro caso.
Cómpre salientar que no caso de que o solicitante fose titular dunha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para realizar transporte con calquera clase de vehículo, a contía sería de 3.000 euros.
Por outra banda, aos titulares de autorizacións de transporte de ámbito autonómico e que permanezan excluídos das axudas convocadas por Fomento para o abandono da actividade, concederáselle o dobre da subvención que lles correspondería consonte as alíneas anteriores.
Finalmente, os titulares de autorizacións incluídas en distintas alíneas do número anterior, outórgaselles a cantidade máis elevada das dúas que lle puideran corresponder.
Solicitudes e prazos
As persoas interesadas en acollerse a estas axudas deberán presentar unha solicitude que poderá ser descargada da web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (www.cmati.xunta.es) ou ben recollela nas dependencias da Dirección Xeral de Mobilidade, incluíndo as súas correspondentes delegacións. Tamén é precisa a incorporación dunha declaración referente ao cumprimento dos requisitos, autenticidade de datos e compromiso de facilitar a documentación complementaria. Ademais, cómpre achegar o DNI, certificación bancaria do número de conta, informe da vida laboral, permiso de condución e de ser o caso, declaración de incapacidade absoluta.
As solicitudes presentaranse na Dirección Xeral de Mobilidade, lembrando que o prazo virá determinado na resolución convocatoria das axudas. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.
Criterios de valoración e obrigas dos beneficiarios
A Comisión de Valoración, encargada da revisión e xestión de todas as solicitudes, terá en conta criterios como a declaración de incapacidade permanente absoluta, a maior idade dos transportistas que as soliciten e a clase de autorizacións, dando preferencia ás que habiliten para realizar transporte con calquera tipo de vehículo.
Os beneficiarios das subvencións deberán cumprir as obrigas de abandonar de xeito definitivo a actividade de transporte, non achegar a súa capacitación a outras empresas, reintegrar a contía no caso de incumprimento de requisitos e permitir que Mobilidade realice as inspeccións oportunas.