Páxinas

jueves, 12 de noviembre de 2009

Traballo destinará á provincia de Ourense 50,5 millóns de euros para accións de emprego e fomento da prevención en 2010


  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asistiu ao acto conmemorativo do trixésimo aniversario da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao
  • A Xunta investirá 11,4 millóns en programas de cooperación, 5,9 en plans mixtos de formación e emprego, 9,7 para iniciativas de apoio á contratación e a emprendedores e 23,5 millóns para subvencionar accións formativas

A Xunta investirá un total de 50,5 millóns na provincia de Ourense para subvencionar accións de mellora do emprego e para o fomento da prevención de riscos laborais durante o próximo ano. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou o 9 de novembro de 2009; que nos orzamentos de 2010 do departamento autonómico figuran partidas importantes para o fomento do emprego, do cooperativismo e da prevención de riscos laborais durante o acto conmemorativo do trixésimo aniversario da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.

Mato concretou que 11,4 millóns de euros destinaranse a programas de cooperación; 5,9 millóns para financiar programas mixtos de formación e emprego; 9,7 millóns para accións de apoio á contratación e a emprendedores; e 23,5 millóns para subvencionar accións formativas.

Ademais, a área autonómica adquirirá novas dotacións para o centro de Seguridade e Saúde Laboral de Ourense, dependente do ISSGA, para que cumpra as súas funcións como órgano técnico en prevención de riscos laborais de Galicia.

A conselleira, así mesmo, destacou que o Goberno galego aposta por unha “estreita colaboración” coas empresas. “Porque queremos que a realidade empresarial, industrial, laboral e económica de Galicia sexa máis forte á saída da crise”, subliñou.

Ao respecto, afirmou que a Xunta avoga por un panorama con mellores oportunidades de emprego para todas as persoas sen distinción, por empresas competitivas para as que a innovación sexa un elemento integrado no traballo diario, por firmas responsables e comprometidas co medio ambiente, por traballadores máis formados e, en definitiva, resaltou que a Administración autonómica o que quere é fomentar unha nova cultura emprendedora, “xa desde a etapa educativa para contar con máis e mellores iniciativas”.

Neste sentido, valorou a labor que desenvolve a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao “pola súa concienciación e traballo a prol das políticas activas de emprego e da responsabilidade social das empresas”, indicou.

Mato lembrou que o polígono de San Cibrao foi un dos pioneiros en Galicia e resaltou que hoxe en día é “un dos focos máis importantes de actividade industrial para a provincia de Ourense e para Galicia”.

Do colectivo empresarial, fixo fincapé na súa responsabilidade social empresarial e sinalou que a Xunta avoga polo desenvolvemento de accións que logren este obxectivo como son o impulso de accións formativas para traballadores, a actividade preventiva e formativa e compromiso polo medio ambiente. A conselleira explicou que todas estas son medidas que impulsa a asociación de San Cibrao “e, por iso, en nome do Goberno da Xunta quero pedirvos que non cesedes neste empeño da mellora constante”, rematou.

‘Colección de empresas’

Tras o acto do aniversario da agrupación de empresarios, Mato inaugurou a exposición ‘Colección de empresas’, así como unha mostra de fotografías retrospectivas do polígono.

A conselleira resaltou que a iniciativa supón “un enorme valor histórico, xa que permite non esquecer de onde vimos e lembrar os acertos e os erros”, ao mesmo tempo que destacou o valor artístico da exposición. Ao respecto, a conselleira apuntou que a mostra conta con obras do recentemente nomeado fillo predilecto de Ourense, Xaime Quessada, entre outros.

Publicidade