Páxinas

viernes, 4 de septiembre de 2009

A Xunta facilitará o acceso á formación das persoas paradas sen prestación e sen subsidios con axudas de ata 350 euros

O Consello da Xunta aprobou unha nova liña de axudas para impulsar o emprego das persoas paradas sen prestación, facilitando o seu acceso á formación a través de itinerarios personalizados de inserción (IPI). Para este fin a Xunta destinará un total de 750.000 euros, cantidade coa que se prevé se poidan beneficiar 750 persoas en situación de desemprego.

A axuda económica para estas persoas será de 350 euros por mes ou a parte proporcional dos períodos inferiores durante un máximo de tres meses, que se computará de forma continuada desde o inicio da primeira acción de orientación.

Beneficiaranse as persoas desempregadas rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia que non perciban ningún tipo de prestación ou subsidio, renda agraria ou activa de inserción e que carezan de rendas, de calquera natureza, superiores en cómputo mensual ao IPREM mensual vixente en cada momento (na actualidade sitúase en 533 euros). Deberán ademais ter experiencia laboral e graves problemas para empregarse e participar en accións de orientación desenvoltas polo Servizo Público de Emprego de Galicia ou polas entidades que colaboran nestas tarefas coa Administración autonómica. Neste senso, é importante que no seu itinerario personalizado de inserción se determine a necesidade de participar en grupos específicos na procura de emprego que impliquen a súa dispoñibilidade e especial dedicación para a súa presentación a ofertas de emprego.

O persoal técnico orientador deberá prestarlles unha atención individualizada e realizará un seguimento e actualización do seu itinerario de inserción laboral e informará sobre o cumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para o acceso e mantemento das subvencións por procura de emprego previstas nesta orde.

Estas axudas outorgaranse ata esgotar o crédito dispoñible, polo que se calcula poidan chegar ata as 750 persoas. Os prazos para solicitar a subvención será desde a selección como posible beneficiario ou beneficiaria polo Servizo Público de Emprego de Galicia ou polas entidades colaboradoras e ata tres meses desde a incorporación ao grupo específico de procura de emprego, sendo o último pagamento a data 10 de decembro de 2009.

Así mesmo, esta orde recolle a concesión de subvencións a traballadores e traballadoras en situación de desemprego para facilitar a súa mobilidade xeográfica e a súa participación en accións de orientación con cargo ao Plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral. Neste caso, os beneficiarios deberán cumprir dous requisitos fundamentais: que a localidade de destino onde se sitúe o posto de traballo se atope a máis de 100 quilómetros do punto de orixe e que a contratación sexa indefinida ou temporal cunha duración efectiva igual ou superior a seis meses.

Neste caso haberá catro liñas de axudas. A de desprazamento está destinada a cubrir os gastos do traslado desde a localidade de orixe ao novo destino do beneficiario ou beneficiaria e dos familiares ao seu cargo que convivan con el ou ela. Estas subvencións non poderán superar a contía de 4 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente.

En segundo lugar, a subvención cubre os gastos de transporte de mobiliario e aparellos coas mesmas condicións que o destinado ao desprazamento. Ademais, o Goberno galego tamén subvenciona os gastos de aloxamento xerados durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato, incluíndo o aluguer, a adquisición de vivenda ou outros gastos de hospedaxe do beneficiario ou beneficiaria e dos seus familiares. Neste caso, a contía máxima da axuda será de 10 veces o IPREM mensual vixente.

Por último, facilitará a mobilidade xeográfica dos desempregados e desempregadas inclúe axudas para pagar a gardaría e a atención a persoas dependentes. Cubriranse os gastos xerados pola asistencia a escolas infantís ou outros centros durante o primeiro ciclo de educación infantil dos fillos e fillas que dependan economicamente do beneficiario ou beneficiaria, así como os derivados da atención das persoas dependentes o seu cargo durante os 12 primeiros meses de vixencia do contrato. A contía máxima da axuda será 4 veces o IPREM mensual vixente.

Publicidade