O DOG publicou hoxe día 6 de agosto, a convocatoria para que os interesados podan concorrer ás subvencións
A Consellería de Traballo e Benestar oferta unha liña de axudas cun orzamento inicial de 328.535 euros para fomentar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre as pequenas e medianas empresas de Galicia (Pemes).
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria para que os interesados poidan concorrer a estas subvencións, que teñen como principal obxectivo a incorporación de plans e medidas que promovan a estabilidade no emprego e a reinserción laboral ao longo deste ano.
A RSE é un concepto no que as empresas deciden integrar, de xeito voluntario, as súas preocupacións sociais e medioambientais.
Así, a implantación nas firmas de sistemas ou medidas que favorezan a estabilidade dos empregados e empregadas tales como o incremento de postos de traballo de carácter indefinido ou a redistribución da xornada serán subvencionadas polo departamento autonómico.
Ademais, poderán ser obxecto desta liña de axudas a organización ou participación das traballadores e traballadoras e do persoal directivo en congresos, seminarios, cursos ou similares enfocados ao eido da Responsabilidade Social Empresarial e os gastos derivados da edición de folletos, enquisas, boletíns, publicacións ou calquera outra actividade promocional que fomente a RSE de xeito interno ou externo.
Tamén poderán optar a estas subvencións da Consellería de Traballo e Benestar as empresas que acrediten gastos derivados da contratación de persoal cualificado, asesoramento ou consultoría para a elaboración de plans sociais e de recolocación, que contemplen medidas que a empresa pode adoptar para evitar ou reducir os efectos negativos das posibles necesidades de axustes de persoal, como podan ser a integración dos traballadores e traballadoras noutros postos laborais.
En definitiva, a finalidade desta liña de axudas é “ir máis alá” da lexislación do ámbito laboral para incentivar ás empresas a introducir a Responsabilidade Social Empresarial na formación e nas relacións entre a dirección e os traballadores.