Páxinas

jueves, 6 de agosto de 2009

Traballo e Benestar destina 60.000 euros a mellorar a situación socio-laboral das persoas con discapacidade


O obxectivo é promover a empregabilidade dos colectivos con máis dificultades para integrarse no mercado laboral

A Cons,ellería de Traballo e Benestar destina 60.000 euros a mellorar a situación socio-laboral das persoas con discapacidade ou que están en situación ou en risco de exclusión social. Esta axuda canalízase a través da cooperación entre o departamento autonómico e a Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cesagal).

No convenio de colaboración establécense as condicións que rexerán a cooperación entre ambos organismos, tal e como explicou o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, que se reuniu hoxe co presidente de Cesagal, José Antonio Vázquez Freire. O obxectivo é propiciar a creación de emprego de calidade das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e tamén manter os postos creados no mercado de emprego protexido.

Deste xeito, a través desta colaboración, Cesagal –na que están representados todos os centros especiais de emprego galegos- porá en marcha un centro de asesoramento, colaboración e acompañamento para a creación e a consolidación de novas empresas, de modo que se constitúa nun viveiro de empresas especializado en economía social sen ánimo de lucro.

Ademais, tamén se inclúen no convenio accións formativas para un sistema de prevención de riscos laborais específico, de acordo coas necesidades de cada colectivo, así como o estudo das posibilidades de negocio en distintos sectores.

Desde a sinatura deste documento, Cesagal tamén potenciará a imaxe dos centros especiais de emprego e promoverá a colaboración entre eles.

Cegasal pon en marcha anualmente diversos servizos a disposición dos 17 centros especiais de emprego que a compoñen, das empresas do mercado ordinario de traballo, das persoas con discapacidade, da sociedade en xeral e das entidades do Terceiro Sector.

Actualmente, as actividades de Cegasal están dirixidas a potenciar a comunicación entre os centros especiais de emprego co fin de incidir nas súas vantaxes económicas e sociais que conlevan a contratación de persoas con discapacidade. A asociación tamén incide na importancia de ofrecer oportunidades de emprego o seu colectivo e en dar solucións ás posibles incidencias derivadas da discapacidade. Cegasal, ademais, traballa na concienciación para que o empresariado se mentalice da necesidade de cumprir coa cota de reserva do 2%.

Publicidade