Resolución do 15 de xuño de 2010, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro, para actuacións de difusión relacionadas co desenvolvemento da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e polo Plan Avanza, e se procede á súa convocatoria para 2010 (procedemento administrativo PR521A).
Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: 12300D003P008.PDF
As actuacións subvencionables obxecto desta resolución estrutúranse nas seguintes liñas de actuación:
Liña A) eventos de promoción e difusión da sociedade da información.
Proxectos encamiñados á organización e realización de eventos neste ámbito, tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e as tecnoloxías da información e a sociedade da información en xeral.
Liña B) actuacións de difusión dirixidas á cidadanía en xeral.
Actuacións orientadas a satisfacer as necesidades de difusión no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións (en diante TIC) da cidadanía en xeral.
Liña C) actuacións de difusión dirixidas ás pemes.
Actuacións orientadas a proporcionar a empresarios e traballadores coñecemento sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías, que os capaciten para un mellor desempeño do seu posto de traballo actual ou futuro, de xeito que mellore a empregabilidade do traballador e a profesionalidade do empresario.
Liña D) investimentos necesarios para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social.
Equipamento necesario para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social, sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.
Prazo: ate o 30 de xullo de 2010
