- A conselleira Beatriz Mato asinou hoxe dous convenios coas asociacións Down Galicia e Down Vigo, que no primeiro caso formará a 22 persoas e no segundo, a 30
- Mato lembrou que o Goberno galego vén de aprobar o incremento de máis de 300 prazas para persoas con discapacidade en centros de día, ocupacionais e residenciais
- Salientou que a taxa de actividade entre as persoas con discapacidade é un 50 por cento máis baixa que na poboación en xeral, e cinco veces por debaixo no caso da discapacidade intelectual
Santiago, 5 de outubro de 2009.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe dous convenios de colaboración coas asociacións Down Galicia e Down Vigo que teñen como obxectivo promover a formación para a inserción laboral de persoas con síndrome de Down. Para esta finalidade, o departamento autonómico achega un total de 110.000 euros que beneficiarán a 52 persoas deste colectivo.
Durante a súa intervención, Mato destacou a “especial trascendencia” destes acordos, en tanto o traballo “é un dereito universalmente recoñecido” e a “medida básica de inserción, o camiño máis efectivo para a igualdade e o equilibrio social”.
Así, a conselleira asegurou que impulsar a inserción laboral é un obxectivo “aínda máis necesario” no que se refire a persoas “en risco de exclusión”.
En concreto, puxo como exemplo as cifras do paro neste colectivo. “A taxa de actividade entre as persoas con discapacidade é un 50 por cento máis baixa en relación coa poboación en xeral. E se falamos da discapacidade intelectual, a taxa de actividade está cinco veces por debaixo e o paro está no 45 por cento”, sinalou.
Por iso, aseverou que para conseguir un “estado do benestar real” hai que inverter esta realidade e promover o equilibrio social, un labor no que eloxiou o traballo de asociacións como Down Galicia e Down Vigo e no que comprometeu a colaboración do departamento que dirixe.
Neste sentido, tamén lembrou que a Xunta acaba de aprobar o incremento de máis de 300 prazas nos centros de día, ocupacionais e residencias para persoas con discapacidade. Deste xeito, chegarase en 2010 ás 4.171 prazas, o que supón un aumento do 8,6 por cento. Para iso, a Xunta investirá 42 millóns de euros, o 20,6 por cento máis que no exercicio 2008-2009, como mostra do compromiso e esforzo do Goberno galego.
No que se refire ao contido dos convenios, os 110.000 euros que achega a Consellería repártense entre os cursos de formación que imparten as asociacións Down Galicia e Down Vigo.
O convenio con Down Vigo recibirá un total de 80.000 euros da Xunta de Galicia para a realización de accións de formación profesional para acadar a inserción laboral de persoas actualmente en desemprego. Trátase de dous cursos nos que toman parte 30 alumnos e que comezaron en setembro. Un deles é de camareira de piso e o outro, de azafata.
No caso do acordo con Down Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar investirá 30.000 euros en tres cursos que se están desenvolvendo, desde abril, en Santiago, Ourense e Pontevedra, e que rematarán a principios do próximo ano. Trátase dun programa integrado para o emprego teórico-práctico en técnicas de almacenaxe e xestión de medios materiais. Este proxecto ten como obxectivo a inserción do 35 por cento dos seus 22 alumnos, é dicir, que un mínimo de 8 participantes acaden un contrato ao rematar a formación.