Páxinas

sábado, 12 de diciembre de 2009

Traballo e Benestar colaborará co colectivo de persoas con discapacidade intelectual para que desenvolvan o Camiño de Santiago

A Consellería de Traballo e Benestar estudará a fórmula máis axeitada para que o colectivo de persoas con discapacidade intelectual de Galicia participe de feito activo no programa de actividades do Xacobeo 2010.

Así o transmitiu a conselleira Beatriz Mato aos responsables das asociacións Special Olimpycs e Fademga Feaps Galicia, no transcurso dunha reunión na que as agrupacións presentáronlle á conselleira un proxecto para desenvolver o Camiño de Santiago. No encontro tamén participaron a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.

O obxectivo do plan que elaboran estas agrupacións é permitir a participación das persoas con discapacidade intelectual no Camiño de Santiago, tanto das federadas
a entidades como as que non o están.

Ademais, tanto Special Olimpycs como Fademga Feaps Galicia apostarán para que o próximo ano cheguen ata Santiago persoas con discapacidade intelectual,
non só de Galicia, senón doutras comunidades autónomas e do resto de Europa.

O proxecto desenvolverase na segunda quincena do mes de xuño e a intención é que este colectivo poda elixir entre facer o Camiño de Santiago completo ou
unha etapa simbólica. Ademais, realizarase unha xornada de convivencia na que se prevé que participen preto de 2.000 persoas.

A conselleira Beatriz Mato considerou que se trata dun proxecto “moi interesante” e destacou a importancia de que as administracións públicas colaboren con este tipo de asociacións que traballan polo benestar das persoas discapacitadas.

De feito, sinalou que a reunión con Special Olimpycs e Fademga Feaps Galicia é un encontro máis dos numerosos que mantén o Goberno galego con estes colectivos co obxectivo de escoitar as súas demandas e colaborar coas súas actividades.

Publicidade