- Nun encontro informativo desenvolvido na sede da CEO o titular de Economía e Industria salientou tamén a vixencia do re-imaXina para financiar investimentos
- O conselleiro destacou que os programas re-Solve e re-Brote, abertos para a presentación de solicitudes ata o próximo 30 de decembro, conforman a iniciativa máis ambiciosa de Galicia no ámbito das garantías públicas
- Salientou igualmente os apoios para realizar novos investimentos e, en concreto, o programa re-imaXina, que facilita préstamos subsidiados e avalados para apoiar o financiamento das iniciativas impulsados por novas pemes, por pemes que queren reforzar a súa competitividade ou por microempresas
- Guerra Fernández destacou tamén a dinamización do sector da automoción grazas ao programa re-Móvete que atendeu xa preto de 20.000 solicitudes facilitando unha facturación das empresas que rolda os 325 millóns de euros
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, mantivo durante a tarde de hoxe, 19 de outubro de 2009; un encontro informativo con empresarios ourensáns para achegarlles información directa sobre os novos programas e liñas de apoio habilitados polo seu departamento, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade empresarial nos actuais momentos de crise e impulsar, dese xeito, a reactivación económica. O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, destacou o papel que, cara a ese obxectivo terán os programas re-Brote e re-Solve, que conforman unha das principais accións do Plan de Choque da Xunta contra a crise e que permitirán mobilizar 400 millóns de euros para facilitar o financiamento de circulante a autónomos, microempresas e empresas galegas.
Durante a súa intervención diante dos empresarios ourensáns, o responsable de Economía e Industria e presidente do Igape afirmou que os programas re-Brote e re-Solve, con prazo de presentación de solicitudes aberto ata o próximo 30 de decembro, constitúen unha das iniciativas máis destacadas entre as impulsadas pola Xunta de Galicia no ámbito das garantías públicas. Guerra Fernández manifestou que estes programas constitúen unha resposta real aos problemas concretos de financiamento que as empresas sofren na actualidade e amosouse convencido de que farán posible que os autónomos, as microempresas e as empresas de Ourense poidan acceder a financiamento para manter a súa actividade con normalidade e contribuir, desa maneira, á progresiva recuperación do tecido empresarial da provincia.
O ambicioso plan de garantías públicas impulsado polo Igape estrutúrase ao redor dunha liña de avais, re-Brote, e outra de reavais, denominada re-Solve. A primeira facilitará o acceso de empresas de mediana ou grande dimensión a liñas de financiamento operativo adicional. A segunda liña, re-Solve, servirá para fomentar o acceso das microempresas e os autónomos ao circulante necesario para desenvolver a súa actividade con normalidade. Durante os pasados meses e da man das principais entidades financeiras galegas, o Igape xa viña realizando un importante esforzo para subvencionar custos financeiros mediante programas como as liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das Pemes; pero, debido a complicada situación económica actual, a Consellería de Economía e Industria considerou necesario complementar estas axudas financeiras con medidas máis ambiciosas, como as contidas nestes plans de garantías onde o Igape comparte riscos coas entidades financeiras, coas sociedades de garantía recíproca e cos propios empresarios.
Apoio aos investimentos
Durante o seu encontro cos empresarios de Ourense, o conselleiro de Economía e Industria lembrou que outro dos obxectivos fundamentais do seu departamento é procurar que as empresas poidan facer novos investimentos. Neste sentido, Javier Guerra recordou que o Igape mantén as subvencións a fondo perdido para apoiar os grandes investimentos e os proxectos impulsados por novos emprendedores, e insistiu en que tamén segue vixente o programa re-imaXina, posto en marcha polo actual Goberno e destinado a habilitar préstamos subsidiados para apoiar o financiamento dos investimentos impulsados por novas pemes, por pemes que queren medrar ou renovarse para reforzar a súa competitividade ou por microempresas galegas; tamén neste programa, o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 30 de decembro.
Segundo explicou o conselleiro de Economía, o programa re-imaXina está orientado a facilitar a concesión de préstamos a pequenas ou medianas empresas polas entidades financeiras, tratando de minimizar as dificultades que acostuman a entorpecer o acceso ao financiamento: as garantías requiridas polas propias entidades e os custos de xestión das solicitudes de crédito.
Javier Guerra tamén se referiu ao programa re-Móvete que, segundo dixo, esta a ser de importancia fundamental para dinamizar o sector da automoción, tanto no referido ás vendas como no ámbito da fabricación. Este programa recibiu polo momento preto de 20.000 solicitudes e concedéronse polo de agora axudas por importe de 13,7 millóns de euros para facilitar operacións de substitución de vehículos vellos que lles reportarán aos concesionarios unha facturación por riba dos 324 millóns de euros.
O responsable da Consellería de Economía e Industria salientou ante os empresarios ourensáns a recente posta en funcionamento do Servizo de Apoio ao Autónomo, unha iniciativa que xurdiu como resposta a unha necesidade manifestada polos representantes das organizacións de autónomos, preocupadas pola especial fraxilidade que presenta este colectivo ante a situación económica actual. Este servizo ten como obxectivo satisfacer as necesidades destes emprendedores en materia de asesoramento, formación e información, de xeito que contempla accións dirixidas a autónomos, técnicos e asociacións de autónomos.
Esta iniciativa puxo a disposición dos autónomos publicacións específicas como a “Guía Básica do Autónomo” e os “Cadernos do Autónomo”, unha serie da que actualmente xa se publicaron cadernos sobre os “Instrumentos Básicos de Financiamento”, “Fiscalidade”, “A Xestión de Tesouraría”, “Comunicación e Técnicas de Venda”, “Merchandising Visual” e “Contratos Mercantís”. Asemade, o servizo préstase a través das asociacións de autónomos e dunha plataforma Web: http://www.autonomosgalicia.org, na que os usuarios poderán atopar as devanditas publicacións, e tamén guías de oportunidades de negocio, manuais prácticos de xestión, modelos de plan de negocio, un mapa de Galicia onde aparecen os recursos de asesoramento de cada concello, unha base de datos de axudas e subvencións, un apartado de consultas, un calendario de eventos e un boletín de noticias.
O conselleiro Javier Guerra pechou a súa intervención lembrando aos empresarios ourensáns que a Xunta e a Consellería de Economía e Industria están plenamente volcadas co desenvolvemento da I+D+i, na que xa se investiron máis de 100 millóns de euros. Por outra banda, puxo de manifesto que por primeira vez o Goberno autonómico anticipa até o 80% da contía das subvencións para a realización de proxectos de investigación aplicada. Grazas a estes anticipos, explicou, as empresas beneficiarias reciben parte da axuda antes de efectuar o gasto, contribuíndo así a que as actividades de I+D+i non supoñan un atranco para a situación financeira.