Páxinas

miércoles, 14 de octubre de 2009

1.600 traballadores sen titulación poden recoller o martes 13 de outubro de 2009;

A solicitude de inscripción da consellería de Educación para convalidar oficialmente a súa experiencia profesional

O proceso de inscrición estará aberta ata o 23 de outubro

A Consellería abre a convocatoria para a acreditación de competencias profesionais en ata 17 ciclos formativos distintos

Dende o martes 13 ata o 23 de outubro 1.600 traballadores e traballadoras poderán acreditar de forma oficial as súas competencias profesionais e, de ser o caso, acadar un título de Formación Profesional, a través das prazas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar para a avaliación, o recoñecemento, a acreditación e a certificación da competencia profesional.

Con esta iniciativa, Educación quere recoñecer a valía de quen levan anos desempeñando o seu traballo nunha rama laboral específica, ou con aprendizaxes adquiridas por vías de formación non regrada, permitindo que poidan obter certificados oficiais da súa competencia profesional e, por tanto, capitalizala. De feito, as persoas que acrediten ser merecedores destas prazas recibirán unha certificación oficial que posteriormente poderá ser validada cos módulos correspondentes de títulos de técnico ou técnico superior de Formación Profesional Específica.

A oportunidade vai dirixida a persoas desempregadas ou en activo que conten cunha experiencia mínima de 3 anos completos nos últimos quince anos, relacionada coas competencias que pretenda acreditar.

Prazos e requisitos de solicitude

Os profesionais interesados nesta acreditación deberán presentar a solicitude de inscrición, xunto coa documentación requirida, entre os días 13 e 23 de outubro, nos centros onde se vai realizar o proceso. As persoas admitidas matricularanse posteriormente para a fase de asesoramento e avaliación.

En todo caso poderán informarse dos requisitos, datas e lugar para a presentación das solicitudes e documentación, a través dos orientadores e orientadoras dos diferentes centros educativos que impartan Formación Profesional.

Distintas familias profesionais

Esta convocatoria abarca un total de 64 unidades de competencia, integradas en 17 ciclos formativos, de 14 familias profesionais diferentes. O proceso desenvolverase en 11 centros educativos onde os traballadores e traballadoras poden solicitar o recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional.

Na Coruña, O CIFP Ánxel Casal realizará o procedementos para validar os módulos de ciclo superior en Audioprótese, o de Laboratorio de diagnóstico clínico e o ciclo medio de Farmacia. No IES de Imaxe e Son acreditáranse competencias no ciclo superior de Son; mentres que o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro recoñecerá a experiencia dos profesionais nos módulos de grao medio de comercio. No CIFP de Fene o procedemento desenvolverase para tres ciclos medios, o de Montaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e produción de calor; o de Instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e condución de liñas; e o de Electromecánica de vehículos.

En Santiago de Compostela, o CIFP Compostela validará as competencias a aqueles traballadores e traballadores que demostren ter experiencia ou coñecementos correspondentes co ciclo medio de Servizos de restaurante e bar. Quen teñan a experiencia requirida en Soldadura e caldeiraría e en Equipos e instalacións electrotécnicas poderán acudir ao CIFP Monte de Conxo para acreditalas.

Na cidade de Ourense, o CIFP A Farixa realizará o procedemento para acreditar de forma oficial a experiencia nas actividades relacionadas co ciclo superior de Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construción, dentro da familia profesional da Edificación e obra civil.

Xa na provincia de Pontevedra, o CIFP A Granxa de Ponteareas encargarase do proceso para avaliar as competencias conducentes ao recoñecemento nos ciclos medios en Elaboración de viños e outras bebidas e Explotacións agrícolas intensivas.

Ademais, dous centros da cidade de Vigo recoñecerán a experiencia dos traballadores nas familias de Actividades marítimo-pesqueiras e de Mantemento de vehículos autopropulsados. Destes xeito, a acreditación de módulos do ciclo medio en Operación, control e mantemento de máquinas e instalación do buque; e de Pesca e transporte marítimo, serán procesados a través do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico. Pola súa parte, o CIFP Valentín Paz Andrade xestionará o recoñecemento no ciclo medio de Carrozaría.

Publicidade