A conselleira de Traballo e Benestar avanza a constitución da Mesa do autónomo, que se fixará antes de rematar o ano
FEAGA, UPTA-GALICIA e ATA-GALICIA son as tres asociacións asinantes dos convenios
O proxecto ten como fin a difusión e divulgación das medidas de fomento e promoción do traballo autónomo
Mato firma o primeiro convenio dunha administración galega cos autónomos, ao que destina preto de 100.000 euros
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, confirmou hoxe que a constitución da Mesa do autónomo se fixará antes de rematar este ano. Mato fixo este anuncio tras asinar o primeiro convenio entre unha administración autonómica e as agrupacións de autónomos máis representativas de Galicia.
O acordo foi asinado hoxe pola titular do departamento autonómico, así como polo secretario xeral da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez; o presidente da Federación de Autónomos de Galicia, Paulino Franco, e o presidente da Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia, Rafael Granados. Este proxecto ten por obxecto a difusión e divulgación das medidas de promoción do traballo autónomo.
Durante a súa intervención, Mato salientou a aposta da Xunta de Galicia polos traballadores autónomos “conscientes da importancia fundamental deste colectivo”. Ademais, sinalou que o Goberno galego continuará con estas liñas de colaboración.
Así, adiantou que ao longo da lexislatura continuarán poñéndose en marcha distintas actuacións encamiñadas a apoiar a este colectivo. Citou, por exemplo, o futuro Plan para o autónomo –inserido no marco do Plan autonómico de emprego-. Neste sentido, destacou que o primeiro paso para elo será a creación da Mesa do autónomo, que servirá de canle de participación dos representantes do colectivo nas políticas activas de emprego.
Tamén concretou outras medidas, como a potenciación das axudas á contratación indefinida do primeiro e segundo traballador, ou os incentivos para o autoemprego de mulleres e mozos.
Obxecto do convenio
O convenio asinado hoxe ten por obxecto a difusión das medidas de fomento e promoción do traballo autónomo. Por iso, os 99.990 euros cos que se financiará o proxecto (33.330 por entidade) servirán para a realización de toda clase de publicacións e actividades que contribúan a promoción dos intereses colectivos dos seus asociados.
Entre as actividades que se subvencionarán, cóntanse xornadas, conferencias e a edición de guías ou folletos. Todas estas accións teñen como data límite o 18 de decembro.