Páxinas

lunes, 17 de agosto de 2009

A Xunta colabora cos concellos ofertando 11 obradoiros para mulleres de todas as idades ata finais de ano

O obxectivo da Secretaría Xeral de Igualdade é impulsar unha maior participación social e cultural das mulleres

O custo dos obradoiros correrá a cargo dos orzamentos da Xunta, mentres que os concellos se encargarán de dar a coñecer estas actividades 16 de agosto de 2009.

- O Servizo Galego de Igualdade está a desenvolver un plan de actividades ata finais de ano en forma de obradoiros destinados a mulleres de todas as idades, que conta coa colaboración dos concellos galegos. O obxectivo destes obradoiros é reforzar a participación social e culturas das mulleres galegas e a actividade en prol da igualdade nos concellos de Galicia.

As actividades corren a cargo dos orzamentos do Servizo Galego de Igualdade, e os concellos participantes proporcionarán os locais para o desenvolvemento dos obradoiros, encargándose así mesmo da difusión da información sobre estes para animar á participación.

En total son 11 as actividades ofertadas, cada unha delas con unha temática diferente. Todos os obradoiros terán unha duración de catro horas.“A sostibilidade e o aforro en tempos de crise” é un dos obradoiros propostos, que ten como obxectivo promover condutas respectuosas co medio ambiente ademais de dotar de recursos ás mulleres para o aforro na economía doméstica.

Outro dos obradoiros está denominado “Hábitos de vida saudable” e tenta ofrecer ás participantes pautas que favorezan o benestar, destacando a importancia do deporte ou da alimentación sa e equilibrada, entre outros aspectos.

“Tempo libre activo” ten como finalidade motivar a dinamización das mulleres na sociedade e na cultura, disfrutando do seu tempo libre e de xeito creativo. O obradoiro de “Literatura e creación literaria” axudará ás mulleres interesadas a formase na escritura, estudando técnicas de redación e estilo. Ademais ao longo deste obradoiro farase un percorrido pola historia da literatura galega, lembrando as escritoras galegas máis destacadas.

A importancia da música no benestar persoal, as propiedades beneficiosas da escoita ou práctica musical serán algunhas das temáticas a tratar no obradoiro de Musicoterapia.

As habilidades sociais e competencias que favorezan a autoestima e a relación con outras persoas, serán outras dos temas tratados nos obradoiros.

Especialmente destinado á xente nova, o obradoiro de “Supervivencia” ofrecerá á mocidade ferramentas para a vida independente: cociña, atención ás persoas, limpeza da casa e da roupa serán algunhas das actividades que se desenvolverán.

A importancia de sensibilizar sobre a corresponsabilidade de homes e mulleres nas tarefas familiares e as estratexias para as repartir do mellor xeito posible será tratado no obradoiro de corresponsabilidade para homes.

“Galegas na historia” lembrará a figura de mulleres galegas que tiveron un papel fundamental na historia de Galicia.

Por último, cabe sinalar o obradoiro de “Consumo responsable” que indagará nas pautas de consumo da sociedade actual para propoñer unha conduta responsable.

Publicidade