Páxinas

jueves, 27 de agosto de 2009

Medio Rural achega case 11 millóns de euros para os programas a desenvolver polos tres derradeiros GDR constituídos

O DOG publica na súa edición de hoxe o investimento global dos Grupos de Desenvolvemento Rural 09, 23, e 25

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica a resolución da segunda convocatoria de programas a través dos GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural) colaboradores. Trátase do investimento aprobado para a realización de proxectos por parte dos tres derradeiros grupos constituídos, que percibirán no seu conxunto un total de case once millóns de euros.

Así, para o GDR-09, a Asociación Carballiño-Ribeiro, contará con 3.590.000 euros para a execución práctica das súas estratexias de actuación. Esta entidade traballa no ámbito dos concellos de Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, O Irixo, Leiro, Maside, Melón, Piñor, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea, todos eles da provincia de Ourense.

Para o GDR-23, o UTM 23 Ulla Tambre Mandeo, achéganse 3.591.000 euros. Neste caso, os municipios obxecto de actuacións serán Arzúa, Boimorto, Curtis, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar, todos eles na provincia de A Coruña.

E finalmente, para o GDR-25, a Asociación de Desarrollo Rural Deloa, corresponden 3.716.000 euros. Esta organización traballa nos concellos, tamén coruñeses, de Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.

Esta achega global de 10.897.000 euros foi asinada en resolución do DOG polo director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, na súa condición de director de AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), Antonio Crespo. E, con ela, complétase o proceso administrativo para a posta en marcha de todo o mapa dos 31 GDR, quedando comprometidas as partidas orzamentarias necesarias para a realización de actuacións en todo o territorio galego por parte das entidades colaboradoras.

Publicidade