- A secretaria Marta González enmarca a medida no apoio da Xunta ás emprendedoras e salienta a necesidade de aproveitar o potencial das mulleres no eido empresarial
- De entre as solicitudes, seleccionaranse a dezasete empresas creadas por mulleres emprendedoras posteriormente ao 1 de xaneiro de 2006
- O asesoramento, de 10 meses de duración, estará coordinado por persoal experto en xestión empresarial e xénero
- A convocatoria sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro día 19 de agosto
14 de agosto de 2009.- O Servizo Galego de Igualdade ofrece, no marco do programa Consolida, un servizo de asesoramento e tutela empresarial para empresas galegas creadas por mulleres que se atopen nunha fase de consolidación ou de internacionalización empresarial.
Este asesoramento, que durará 10 meses, trata de poñer ás emprendedoras galegas en contacto cos recursos dos que poden dispor para iniciar, consolidar ou internacionalizar a súa actividade empresarial. A titorización estará coordinada por persoal experto en xestión empresarial e xénero, e terá en conta tanto as necesidades específicas das actividades emprendedoras femininas, como o sector concreto no que a empresa desenvolve a súa actividade.
As accións que se enmarcan dentro deste servizo van dirixidas, entre outras, a mulleres empresarias que necesiten optimizar os resultados do seu negocio, e a cooperativas e sociedades que precisen mellorar a capacidade organizativa a través de redes empresariais, desde unha perspectiva de igualdade de oportunidades.
Deste xeito, e a través de convocatoria pública, seleccionaranse a dezasete empresas que se beneficiarán do proceso de tutela desenvolvendo aspectos como: xestión empresarial e comercial, xestión contable e fiscal, xestión de recursos humanos, busca de financiamento, servizo de secretariado, técnicas de marketing ou relacións exteriores.
Poderán presentar a solicitude as empresarias autónomas e empresas formadas unicamente por mulleres, constituídas baixo calquera tipo de sociedade, incluídas as sociedades unipersoais e as empresas participadas maioritariamente por mulleres.
É requisito imprescindible ter iniciado a actividade profesional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2006. Dende a Secretaría Xeral da Igualdade sublíñase que esta medida pretende favorecer a consolidación e internacionalización de iniciativas empresariais de mulleres que contribúan a desenrolar o tecido empresarial galego, e que aproveiten todo o potencial das mulleres no eido empresarial.
A responsable deste departamento salienta a necesidade de que as Administracións públicas colaboren para promover o emprendemento e para dotar de recursos a empresas de recente creación a fin de contribuír á súa consolidación.
O Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro 19 a convocatoria pola que se seleccionarán as empresas creadas por mulleres que serán obxecto de asesoramento.
