O departamento vén de asinar un convenio coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para impulsar a creación de novas empresas co fin de xerar emprego estable e de calidade
O proxecto, innovador en Galicia, avala a viabilidade de proxectos empresariais cun alto grao de risco e de alta rendibilidade
12 de agosto de 2009.- A Consellería de Traballo e Benestar colaborará coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para o desenvolvemento para o ano 2009 da Rede Galega de Investidores Privados, Bussines Angels Network de Galicia (BANG), unha experiencia innovadora en Galicia que favorece o contacto entre investidores individuais de carácter privado e emprendedores galegos con proxectos novos que, xeralmente vinculados ás novas tecnoloxías, buscan financiamento. A iniciativa permite, así, avaliar a viabilidade de proxectos empresariais cun alto grao de risco e de alta rendibilidade.
Con este obxectivo, o departamento autonómico vén de asinar un convenio de colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense a través do que se investirán un total de 60.000 euros co obxectivo de impulsar a creación e implantación de novas empresas como recurso para a xeración de emprego estable e de calidade, tal e como explicaron o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, e o presidente da CEO, Francisco Rodríguez.
Os denominados ‘bussines angels’ son investidores individuais, normalmente empresarios ou directivos de firmas que aportan a título privado o seu capital e coñecementos técnicos, así como a súa rede de contactos persoais, aos emprendedores que queiran poñer en funcionamento un proxecto empresarial ou ás empresas que se atopen no inicio da súa actividade.
A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) é pioneira na posta en funcionamento desta iniciativa que dá resposta á falta de alternativas coa que se atopan moitos proxectos para o seu financiamento e, desta forma, permite cubrir, total ou parcialmente, o plan de investimentos das novas ideas empresariais.
As principais funcións da Rede Galega de Investidores Privados son seleccionar as empresas e os proxectos empresariais; captar aos potenciais investidores; garantir a veracidade da información dos proxectos e dos investidores; establecer unha relación entre as ideas a financiar e cada investidor e modelos de financiamento e de relación; e, por último, posibilitar un marco formal para a negociación e os intercambios entre as partes.
Ao abeiro deste convenio, a Consellería de Traballo e Benestar subvencionará os gastos realizados pola CEO desde o 1 de xaneiro de 2009 para materializar a iniciativa, como son o desenvolvemento operativo da rede ou a promoción e formación.
