Páxinas

martes, 21 de julio de 2009

Traballo destina preto de 600.000 euros ao fomento e consolidación das asociacións de cooperativas galegas

A Consellería de Traballo e Benestar destina preto de 600.000 euros ao fomento e consolidación das asociacións de cooperativas galegas. O departamento, dirixido por Beatriz Mato, aposta por este modelo económico en tanto ten “demostrada” a súa capacidade de resistencia fronte á crise.

Esta achega foi formalizada hoxe a través da firma de varios convenios de colaboración entre a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e as asociacións de cooperativas galegas (AGACA, EIXO, UGACOVI, SINERXIA, UCETAG, UGACOTA).

En concreto, estas axudas ascenden a 599.231 euros. Da cantidade total, uns 452.000 euros destínanse a gastos normais de funcionamento e 147.031 euros a actividades de promoción do cooperativismo, como a realización de estudos e publicacións, cursos ou plans de mellora.

Para a conselleira, esta liña de colaboración terá “especial relevancia” ao longo da lexislatura, especialmente no que se refire á divulgación do cooperativismo. Este departamento, indicou Mato,considera que, con este modelo, poden obterse “empregos estables e de calidade”, que compatibilizan a “flexibilidade e seguridade laboral”.

Esta aposta cobra máis importancia en tempos de crise, xa que a pesares de que os principios do cooperativismo “sempre están aí”, en situacións económicas como a actual “acrecentan” o seu valor, xa que proporcionan “respaldo” aos seus socios” e poñen as súas necesidades “no primeiro plano”, argumentou a titular de Traballo.

Por iso, a Consellería de Traballo considera que as cooperativas poden asumir un “importante” papel na recuperación económica, promovendo o desenvolvemento sostible e o benestar social na comunidade.

Publicidade