O servizo prestarase a través das asociacións de autónomos, da rede de técnicos de emprego, das entidades colaboradoras e dunha plataforma web:
As consultas dos autónomos pola web obterán unha resposta inmediata
A iniciativa inclúe un plan de formación para mellorar a capacitación específica deste colectivo
Os autónomos xa teñen á súa disposición a “Guía Básica do Autónomo” e os “Cadernos do Autónomo” sobre os “Instrumentos Básicos de Financiamento”, “Fiscalidade”, “A Xestión de Tesouraría”, “Comunicación e Técnicas de Venda”, “Merchandising Visual” e “Contratos Mercantís”
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, vén de presentar o Servizo de Apoio ao Autónomo, unha iniciativa que xurde como resposta a unha necesidade manifestada ante este departamento polos representantes das organizacións de autónomos, preocupadas pola especial fraxilidade que presenta este colectivo ante a situación económica actual.
Este servizo ten como obxectivo satisfacer as necesidades destes emprendedores en materia de asesoramento, formación e información, de xeito que contempla accións dirixidas a autónomos, técnicos e asociacións de autónomos.
A iniciativa que Guerra Fernández deu a coñecer esta mañá aos medios de comunicación pon á disposición deste colectivo publicacións específicas para o autónomo como a “Guía Básica do Autónomo” e os “Cadernos do Autónomo”, unha serie da que actualmente xa se publicaron cadernos sobre os “Instrumentos Básicos de Financiamento”, “Fiscalidade”, “A Xestión de Tesouraría”, “Comunicación e Técnicas de Venda”, “Merchandising Visual” e “Contratos Mercantís”.
Asemade, este servicio prestarase a través das asociacións de autónomos e dunha plataforma Web: http://www.autonomosgalicia.org, na que os usuarios poderán atopar as devanditas publicacións, e tamén guías de oportunidades de negocio, manuais prácticos de xestión, modelos de plan de negocio, un mapa de Galicia onde aparecen os recursos de asesoramento de cada concello, unha base de datos de axudas e subvencións, un apartado de consultas, un calendario de eventos e un boletín de noticias.
Esta iniciativa tamén inclúe un plan de formación de carácter xeral e de carácter sectorial, orientado a mellorar a formación específica deste colectivo, unha petición que ven sendo habitual entre as asociacións de autónomos.
Cómpre destacar que o servizo ponse en marcha atendendo ás peticións que as asociacións de autónomos teñen posto en coñecemento deste departamento, de feito os representantes de ATA, UPTA Galicia, FEAGA, OAP Galicia e CEAT Galicia acompañaron hoxe ao conselleiro de Economía e Industria na presentación deste servizo, e quixeron trasladar a Guerra Fernández a súa satisfacción pola posta en marcha dunha iniciativa que para eles supón un importante apoio neste momento de crise.
Guerra Fernández aproveitou a ocasión para poñer en valor aos autónomos, un colectivo no que se encadra o 90% dos emprendedores galegos, e que ca súa actividade xeran o 30% do noso PIB. Por eso, o titular de Economía e Industria recordou o compromiso que ten adquirido con este colectivo que definiu como “un dos piares sobre o que pivota” a política do departamento que dirixe.
Por outra parte, Guerra Fernández tamén garantiu a eficacia do servicio de apoio ao autónomo, que dará resposta de maneira “inmediata” ás cuestións que se lle plantexan porque a rapidez na xestión das demandas deste colectivo é fundamental para facer eficaz este servizo de apoio.
Guerra Fernández tamén lembrou a importancia do Plan Re-imaXina posto en marcha recentemente polo seu departamento, que activou 3 liñas de avais de ata 15 millóns de euros para axudar ás pemes e ás microempresas na actual situación de dificultades financeiras que están a atravesar.
O conselleiro, que volveu a celebrar hoxe unha nova reunión cos representantes das asociacións de autónomos galegas, prestouse novamente a escoitar as peticións deste colectivo, e insistiu en que a Consellería Economía e Industria permanece e permanecerá sempre coa “man tendida” a todas as organizacións de autónomos da nosa comunidade.